Ir o contido principal

Un curso de verán da USC en Lugo analizará a situación das razas de cans autóctonas de Galicia

Un curso de verán da USC en Lugo analizará a situación das razas de cans autóctonas de Galicia
Un curso de verán da USC en Lugo analizará a situación das razas de cans autóctonas de Galicia

O edificio do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) no Campus de Lugo será a sede entre os días 17 e 20 de xullo do curso de verán da USC Razas de cans autóctonas de Galicia, dirixido polo profesor da Facultade de Veterinaria e secretario do Ibader, Antonio Iglesias Becerra, e o veterinario da Xunta de Galicia Jesús Cantalapiedra Álvarez. O curso comezará o martes 17 cun relatorio denominado ‘As razas de cans autóctonas de Galicia. Programas de conservación e mellora’, a cargo de Mauricio Alonso Troncoso, xefe do Servizo de Gandería da Xunta de Galicia en Pontevedra. A continuación intervirá Juan Carlos Ponte Hermida, secretario do club do Can de Palleiro, para falar sobre a recuperación desta raza canina. O emprego da biotecnoloxía do ADN nas razas de cans autóctonas de Galicia centrará a charla de Javier López Viana, do centro de reprodución e selección Xenética Fontao de Lugo. O remate da xornada virá da man do profesor Antonio Iglesias Becerra, quen falará sobre a consanguinidade nos programas de recuperación de cans de Galicia. O mércores 18 Ángeles González Martínez, do European College of Behaviour Medicine, impartirá un relatorio centrado no comportamento canino, que se complementará coa intervención de Octavio Villazala, educador canino e director do Centro Canino DeMontegatto, sobre o carácter e comportamento do can de palleiro e as súas utilidades. A xornada complétase cunha práctica de adestramento e valoración do comportamento dos cans dirixida polo propio Octavio Villazala. A xornada do xoves 19 comezará coa intervención ‘Alimentación dos cans nas súas distintas idades, a cargo de Patricia Pazo, delegada veterinaria da empresa Royal Canin, que colabora na organización do curso. Os problemas de pel no can pastor será o tema desenvolvido na intervención de Gustavo Machicote Goth, secretario científico da Asociación de Veterinarios Españois Especialistas en Pequenos Animais. A sesión rematará cunha exposición canina con valoración morfolóxica de distintos exemplares utilizando o método e guías de valoración dos xuíces oficiais do Club Can de Palleiro dirixida por Ernesto Fernández Rodríguez, presidente do club Can de Palleiro. O venres 20 a xornada iníciase falando sobre a terapia asistida con cans e os seus efectos beneficiosos, nun relatorio a cargo de Adriana Ávila Álvarez, especialista en terapia asistida da Universidade da Coruña. Tamén de benestar animal no can tratará o relatorio de Jesús Cantalapiedra Álvarez, un dos directores do curso. Unha sesión práctica con razas caninas autóctonas de Galicia (podengo, galego, can guicho e perdigueiro galego) dirixida por Anxo Vázquez Pernas, membro da directiva do club Can de Palleiro, poñerá o remate ao programa desta actividade formativa. A actividade consta dun total de 30 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2012.