Ir o contido principal

Un curso de verán da USC prepara aos universitarios emprendedores no camiño ao mercado laboral

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC 2009

Ofrecer formación a universitarios naquelas habilidades demandadas polo mercado laboral e que habitualmente non están contempladas de forma explícita nos plans de estudo é o obxectivo principal dun curso de verán que, dirixido por Loreto Fernández, se desenvolverá do 13 ao 17 de xullo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago.
O curso ‘Competencias Profesionais para Universitarios/as Emprendedores/as’ está organizado pola Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora e nel trataranse aspectos nos que a Universidade debe adoptar unha postura proactiva “xa que forman parte da necesaria formación integral coa que os universitarios han de afrontar o seu paso do mundo académico ao profesional”, explica a profesora Fernández..
A Cátedra aposta pola formación en habilidades directivas e sociais que xogan un papel fundamental na formación de futuros emprendedores, así como na mellora da empregabilidade dos estudantes e no seu desenvolvemento profesional na empresa. Por esa razón demandan que esas competencias formen parte da formación desde a etapa universitaria.
O curso conta xa con máis de 35 inscritos, sendo un bo número deles alumnos do Instituto Superior de Administração e Gestão de Porto co que a USC ten firmado un protocolo de Cooperación Cultural, Científica e Pedagóxica desde o pasado 15 de xuño.
Estruturado en seminarios nos que a participación activa dos estudantes é a característica fundamental, as distintas sesións do curso desenvolveranse a través da posta en práctica dos coñecementos teóricos recibidos previamente, que versarán sobre a comunicación oral e as relacións interpersoais, o liderado e o traballo en equipo, a motivación e compromiso ante o traballo, a creatividade e o espírito emprendedor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2009.