Ir o contido principal

Un curso de verán da USC profundará na problemática da administración instrumental

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

O curso de verán da USC ‘A modernización da administración instrumental’, que se celebrará do 16 ao 18 de xullo na Facultade de Ciencias Políticas, ten como obxectivo achegar a problemática destas entidades, a súa evolución histórica e a tipoloxía actual, o seu réxime xurídico e económico xunto cun estudo sectorial e comparado das administracións instrumentais.
As sesións académicas, dirixidas polo profesor Antonio Xavier Ferreira e cofinanciadas polas Consellarías de Cultura e de Educación, comezarán o luns 16 abordando a perpectiva xeral da administración instrumental e as razóns da súa existencia. Xa pola tarde, a xornada continuará tratando a personificación das administracións públicas, a evolución histórica da administración instrumental no ordenamento español, as súas características e a tipoloxía actual.
No transcurso do martes 17, varios expertos analizarán o réxime xurídico dos organismos autónomos, as entidades públicas empresariais, os consorcios, as axencias estatais para a xestión dos servizos públicos, as entidades instrumentais, as sociedades mercantís do sector público e das as fundacións. Como peche da xornada desenvolverase unha mesa redonda sobre o rendemento institucional da administración instrumental.
Durante a sesión matinal do mércores 18, o curso centrarase en comparar a administración instrumental española coa portuguesa e a italiana. Pola tarde, a Facultade acollerá como peche do encontro dúas mesas redondas sobre a administración nos eidos cultural, social, turístico, ambiental e urbanístico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2007.