Curso sobre xestión do tempo e das prioridades no Edificio Emprendia
Administrar eficazmente o tempo xera confianza, seguridade, satisfacción coa vida e é a base para alcanzar o éxito persoal e laboral. Este é o punto de partida para o curso que os días 22 e 23 de marzo impartirá o psicólogo Fernando Pena Viver no Edificio Emprendia . Fernando Pena, licenciado pola USC, é director do Instituto Europeo de Formación de Formadores e da Axencia de Márketing de Autónomos. Segundo este experto, as carencias na xestión do tempo levan a experimentar estrés e irritación frecuente que entorpecen a obtención dos nosos obxectivos e deterioran as relación coas persoas que nos rodean.
No curso –dirixido a persoal investigador e de empresas de base tecnolóxica e a profesionais de unidades de transferencia de tecnoloxía e promoción tecnolóxica- amosaranse os motivos polos que a xente ten dificultades á hora de xestionar o tempo e formularanse estratexias e técnicas concretas coas que exercer un mellor control. Conforme se vaia avanzando nos contidos obteranse aprendizaxes para levar á práctica na vida cotiá dende o mesmo día de inicio do curso.