Ir o contido principal

Cursos de maquillaxe, iluminación, mimo, interpretación e dirección, comedia da arte ou xastraría conforman o programa de formación da Aula de Teatro para este curso

O prazo de matrícula comezará o vindeiro luns, día 15

A Aula de Teatro da USC desenvolverá ao longo de todo este curso académico un programa de formación teatral no que se avaliarán os elementos constitutivos da posta en escena. En total son sete cursos, a celebrar ao longo do período lectivo, para os que o prazo de matrícula permanecerá aberto dende o vindeiro luns, día 15, ata cubrir as prazas por rigorosa orde de inscrición.
Todas os cursos celebraranse na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño, a excepción do Taller de arte dramática 1 que será na Sala Luísa Cuesta do Burgo das Nacións, e poderán ser validados por créditos de libre configuración.
Taller de arte dramática 1: o actor en escenaCunha carga lectiva de 40 horas, esta proposta formativa impartiraa Alfredo Rodríguez entre os meses de outubro, novembro, e decembro. O curso permitirá aos matriculados afondar no funcionamento da voz, do corpo e do movemento para a construción da personaxe, ademais de analizar a escena e os seus mecanismos.
Taller de arte dramática 2: interpretación e dirección de escenaImpartido polo actor Candido Pazó, este taller pretende achegar ás persoas interesadas técnicas de interpretación e análise, e mecanismos para a posta en escena. O curso celebrarase ao longo do mes de xaneiro en horario de 11:00 a 14:00 horas.
Trátase dun taller que pretende experimentar sobre a creatividade actoral ao servizo da dirección escénica e sobre a dirección escénica que ten como un dos seus alimentos básicos a achega dos actores. O seu obxectivo é fomentar a actitude para que actores e actrices saiban e queiran ofrecer, como material de traballo, os seus propios impulsos creativos na definición dos signos escénicos espaciais, temporais, rítmicos e enerxéticos.
Maquillaxe teatralO curso de maquillaxe teatral ten por obxecto introducir aos alumnos no mundo da transformación persoal por medio da maquillaxe. No programa docente desta xornada, a celebrar os días 5, 6, 7, 8, 12 e 13 de novembro, trataranse temas que dan a coñecer os distintos materiais necesarios para o desenvolvemento da maquillaxe e a caracterización. Deste xeito, os asistentes familiarizaranse de forma práctica cos efectos da cor clara e escura, maquillaxe de época e a realización de diversos personaxes. Ademais, permitirá o desenvolvemento de habilidades que permitan facer varios tipos de cicatrices, queimaduras, colocacion de barbas, calvas, ou simular amputación de membros, entre outros. Este curso ten 18 horas lectivas que impartirá Purificación Pereira en horario de 17:00 a 20:00 horas.
O corpo teatralEsta proposta formativa pretende achegar aos alumnos técnicas fundamentais do mimo contemporáneo, con especial énfase no mimodrama moderno de Marcel Marceau e o mimo corporal dramático de Étienne Decroux. Este laboratorio ofrece a oportunidade de desenvolver a conciencia corporal e a expresión teatral do corpo polo movemento a través do estudo destas dúas diferentes técnicas. Nas 42 horas lectivas programadas estudarase a descomposición do corpo en segmentos, o xogo das diferentes dinámicas e resistencias, os contrapesos e o debuxo do movemento corporal. Ademais, e tomando como referencia a Marcel Marceau, os alumnos traballarán a expresividade do rostro, das mans, nas convencións do carácter e no xogo da metamorfose.
Fabiana Gastaldello será a encargada de impartir as clases en horario de 19:00 a 22:00 horas os días 8, 9, 10, 14, 15, 16, 17, 21, 22, 23, 24, 29, 30 e 31 de xaneiro.
Comedia da arteCunha carga lectiva de 36 horas. Avelino González impartirá no vindeiro mes de abril o curso sobre comedia da arte cuxo obxectivo é abrir xanelas á praza da Commedia dell’Arte, achegándose ás súas personaxes e orixes, a relación entre corpo e máscaras neste espazo dramático, comprobar as tramas, motivacións e as estruturas argumentais. En definitiva, o curso pretende mergullar aos alumnos nun estilo teatral que ten como obxectivo fundamental a diversión do público e como elemento estrutural o lucimento do actor.
IluminaciónO programa de formación teatral, entre os días 10 e 14 de marzo, inclúe igualmente un curso eminentemente práctico dedicado á iluminación que impartirá Francisco Viéitez. O seu obxectivo será mostrar a luz como elemento narrativo, con especial atención ao tempo, temperatura e tratamento da cor, así como aos proxectores e novas tecnoloxías.
Xastraría de TeatroPechando o programa, Clotilde Vaello impartirá ao longo de 24 horas lectivas o curso dedicado á xastraría teatral, ofrecendo unha introdución á linguaxe do vestiario na posta en escena. Nas diversas sesións, entre os meses de marzo de abril, os alumnos tomarán contacto cos diversos materiais e medidas así como coa confección dun prototipo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.10.2007.