Un dos cursos de verán da USC aborda o Camiño de Santiago como vía de comunicación e fonte de saúde

O Camiño de Santiago e o seu valor como vía de comunicación e fonte de saúde serán os temas centrais dun dos cursos que organiza a USC dentro da oferta Universidade de Verán 2012. A actividade está dirixida polo profesor na Facultade de Xornalismo e director do gabinete de comunicación da USC, Lois Celeiro Álvarez, e desenvolverase entre os días 23 e 28 na Casa do Concello de Sarria. O responsable da secretaría é Xoán Xosé Piñeiro Cochón, profesor de Comunicación Audiovisual da USC. O curso comeza o luns 23 de xullo co relatorio ‘A rede asistencial no Camiño de Santiago: na procura dunha saúde integral’, a cargo de Francisco Singul Lorenzo, historiador e técnico da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo. Ao seu remate intervirá o profesor da Facultade de Medicina da USC e presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, José Carro Otero, para falar do Hospital Real de Santiago. O sociólogo Manuel Vázquez Teijeiro será o encargado de presentar os relatores e moderar os respectivos debates. O martes 24 o curso trasládase a Pedrafita do Cebreiro, onde a psicóloga e profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC María Muñoz Cadavid impartirá un relatorio sobre o Camiño de Santiago como referente de saúde no ámbito educativo. O psiquiatra Cipriano Luís Jiménez Casas, director da revista Maremagnum e director Xeral da Fundación Menela, intervirá a continuación coa conferencia ‘O Camiño de Santiago e o benestar bio-psico-social’. Unha mesa redonda reunirá representantes dos medios de comunicación baixo o título ‘ Xornalismo e literatura, dous complementos para unha vida con saúde’. Participarán no coloquio Xoán Piñeiro Cochón; o profesor de Xornalismo da USC Luís Álvarez Pousa; o responsable de Comunicación do Consello da Cultura Galega, Xosé María García Palmeiro; o presidente da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago, Cristvo Ramírez; o escritor e vogal da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Isidro Novo; e os xornalistas Ana Méndez, María Méndez e Xosé Ramón Penoucos. A xornalista Tamara Raposo Injerto presenta e modera o debate. A sesión do día 24 rematará cunha visita ao poboado do Cebreiro, dirixida pola responsable da Oficina de Información do Cebreiro, Edita Freijo. Toda a xornada do día 25 estará dedicada a unha visita literaria e cultural a Lóuzara (Samos) que discorre, entre outras localizacións, polo alto de Airapadrón, a ruta poética de Fiz Vergara ou o muíño e a fonte da Cova. O xoves 26 o curso volve a Sarria, onde a farmacéutica de Samos Paula Sánchez López intervirá para falar sobre o papel que desenvolven actualmente as farmacias no Camiño de Santiago. O tamén farmacéutico e especialista nas boticas monásticas Miguel Álvarez Soaje dedicará o seu relatorio ás hortas medicinais e as farmacias monásticas como centros de atención sanitaria. Desde mo ámbito farmacéutico provén tamén a seguinte intervención: ‘Asistencia Farmacolóxica no Camiño de Santiago’, a cargo de Santiago Sanmartín Míguez. A especialista en nutrición e médico no CHUS Rosaura Leis Trabazo achegará aos participantes no curso un traballo sobre a relación entre dieta atlántica e saúde, mentres que o catedrático de Dereito Administrativo da USC Enrique Gómez-Reino Carnota presentará un relatorio sobre lexislación sanitaria. O venres 27 a actividade trasládase ao mosteiro de Samos, onde o mestre e experto en temas xacobeos Segundo Vázquez Portomeñe falará sobre cuestións relativas á saúde recollidas no Códice calixtino. A prevención de lesións para os camiñantes será o tema do relatorio do médico especialista en Saúde Preventiva Luís Matos Espiño, mentres que o cirurxián cardíaco e profesor da USC Ángel Fernández González disertará sobre os beneficios e riscos para a saúde do Camiño de Santiago. A última intervención do día corre a cargo do prior do mosteiro de Samos, Xosé Luís Vélez Álvarez, quen falará do mosteiro que dirixe como reflexo dun tempo e dunha cultura. A xornada rematará cunha camiñada polo Camiño de Santiago por Filloval, Pasantes e Ramil, ata Triacastela. O sábado 28, de novo en Sarria, intervirá José María Núñez Pérez, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago do Cebreiro, co relatorio ‘O deporte e o traballo con saúde’. A continuación a médico de Samos Milagros Núñez Pérez falará sobre o labor dos médicos rurais no Camiño de Santiago, mentres que o pediatra Manuel Pumarega Vergara incidirá na importancia de comezar os coidados da saúde xa na infancia. O derradeiro relatorio do curso virá da man do médico Gonzalo Durán Hermida, e leva por nome ‘O Camiño de Santiago e a xestión sanitaria’. A actividade consta dun total de 30 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.