Ir o contido principal

Un dos cursos de verán da USC analiza o cine social desde unha perspectiva de xénero

Un dos cursos de verán da USC analiza o cine social desde unha perspectiva de xénero
Un dos cursos de verán da USC analiza o cine social desde unha perspectiva de xénero
A actividade desenvolverase na localidade coruñesa de Padrón entre os días 6 e 8 de setembro

Do 6 ao 8 de setembro o auditorio do Concello de Padrón acolle un curso de verán sobre o cine social desde unha perspectiva de xénero. Entre os participantes figuran o director de cine Javier Balager e a produtora executiva de Vaca Films gañadora dun Goya por Celda 211, Emma Lustres. Codirixido por Manuela Cabero Cabero e Jorge García Marín, no curso colaboran o Departamento de Socioloxía da USC e o Concello padronés. O xoves 6 ás 9.30 horas terá lugar o acto de inauguración, que contará coa presenza do reitor da USC, Juan Casares; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a deputada da Área de Benestar Social, Políticas de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Zaira Rodríguez; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; e Jorge García Marín, un dos coordinadores do curso. Será o catedrático de Historia do Cine da USC, Ángel Luis Hueso, o encargado de pronunciar a conferencia inaugural titulada ‘Historia e perspectiva de xénero no cine’, á que lle seguirá unha sesión que analizará a cuestión dende o ámbito da educación secundaria. O tratamento da prostitución na industria cinematográfica ou o cine social no ámbito da educación universitaria son outras cuestións a tratar no curso, no que Javier Balaguer analizará a súa longametraxe ‘Solo mía’. Tamén a directora galega de cine Sandra Sánchez Cachaza fará o propio co seu documental ‘Tralas luces’. O curso contempla ademais un debate acerca do cinema social no ámbito das produtoras no que participarán Emma Lustres, de Vaca Films; Fernanda del Nido, de Tic Tac Producciones; Ramón Varela Salgado, de Pórtico Audiovisuales; Paula Fernández González, da produtora Voz Audiovisual; e Luís Pérez Fernández, de Telecable Compostela do Grupo Correo Gallego. As sesións rematarán cunha mesa de discusión sobre a importancia das mulleres no cine galego, con especial atención á visión de Chano Piñeiro, no que participarán a viúva do realizador galego, o escritor e crítico Miguel Anxo Fernández, o actor Xoque Carbajal e o escritor e biógrafo de Chano Piñeiro, Francisco Rozados Rivas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.08.2012.