Os cursos de verán da USC estudarán en Muros a influencia da innovación e o coñecemento no sector pesqueiro
‘ Innovación e coñecemento no sector da pesca industrial’ é o argumento central do curso que se vai celebrar os días 22 e 23 de xullo no Concello de Muros dirixido por Manuel González López.
Logo dun breve repaso á historia da pesca industrial en Galicia, o encontro ofrecerá aos asistentes a posibilidade de analizar as consecuencias que para a pesca tiveron as mudanzas no marco normativo internacional e a situación actual e perspectivas de futuro deste sector. A primeira xornada rematará cunha visita aos estaleiros do Freixo en Outes.
Xa para o día 23, as distintas intervencións permitirán facer un percorrido pola influencia do sector da pesca no sistema galego de innovación, sobre o proceso de difusión tecnolóxica na pesca de altura, rematando cun relatorio sobre a experiencia española na aplicación da innovación na industria pesqueira do bacallau.