Ir o contido principal

A danza chega ao Campus de Lugo

O bailarín Juan Carlos Zahera impartirá un curso de danza contemporánea e outro de danza para nenos e nenas

A Aula de Danza e Teatro do Campus de Lugo acolle, dende este xoves 5 de novembro, un curso de danza contemporánea e outro de danza para nenos e nenas, impartidos polo bailarín e coreógrafo Juan Carlos Zahera.
O curso de danza contemporánea terá lugar todos os martes e xoves, ata o vindeiro 25 de marzo, en horario de 20:00 a 22:00 horas, e permitirá aos participantes flexibilizar, fortalecer e conseguir un corpo resistente para logo experimentar co traballo de improvisación e coa creación coreográfica.
Os nenos e nenas de entre cinco e doce anos de idade que así o desexen, tamén poderán asistir a clases para entrar en contacto coa base do ballet, a danza moderna e a expresión corporal a través do xogo. Estas clases desenvolveranse na Aula de Teatro e Danza todos os martes e xoves ata o mes de xuño, en horario de 18:00 a 18:55 horas ou de 19:00 a 19:55 horas, segundo o nivel, e serán moi beneficiosas tanto para o corpo como para a mente dos máis pequenos xa que, ao tempo que fan exercicio, estimulan a súa creatividade e imaxinación.
O primeiro día do curso infantil, este xoves 5, o Espazo de Danza da Vicerreitoría de Cultura celebrará unha xornada de portas abertas da actividade, co obxectivo de que os rapaces poidan probar e informarse das súas propostas de xeito gratuíto. O horario das sesións será ás 18:00 para os nenos e nenas menores de sete anos, e ás 19:00 horas para os menores de doce.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2009.