Ir o contido principal

Danza para promover o diálogo entre culturas

Imaxe de arquivo dunha clase de danza na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha clase de danza na USC. FOTO: Santi Alvite
A USC impulsa a sétima edición da Mostra de Danza Latina que se desenvolverá este martes 14, mentres que o novo Tradi-Fest USC terá lugar o xoves 16
Santiago de Compostela

A Mostra de Danza Latina e o Festival de Música e Danza Tradicional Tradi-Fest USC centrarán a actividade impulsada dende o espazo de danza da Universidade ao longo desta semana coa vontade de favorecer o diálogo entre culturas. Este martes 14 de maio, a partir das 19.30 horas, na Praza do Seminario de Estudos Galegos (diante da Facultade de Farmacia), desenvolverase a Mostra de Danza Latina que chega á súa sétima edición. No mesmo horario pero o xoves 16, botará a andar, no Xardín das Pedras (detrás do Colexio de Fonseca), a primeira edición do Tradi-Fest USC.    

A Mostra de Danza Latina quere ampliar a axenda cultural da cidade a través da demostración de pasos básicos e libres de chachachá, merengue, bachata e salsa. As técnicas ‘Pa’ Fuera’ e ‘Bailando A Ciegas’ ou a roda cubana tradicional que executarán estudantes de iniciación, así como a roda cubana dobre con estudantes de iniciación e avanzado, integrarán o programa da xornada. Finalmente, a demostración de pasos básicos e libres de conga, xunto co baile social ‘Parada Latina’ completan os contidos desta mostra.

Doutra banda, a USC celebra o primeiro Tradi-Fest para favorecer o diálogo cultural entre os pobos do norte e do sur da franxa Atlántica, coa difusión da cultura musical e da danza tradicional, conectando  a músicos e bailaríns mozos/as. Actuarán o Espazo de Danza da USC, a Aula de Música Tradicional do Campus de Pontevedra da UVigo e Cía. SanTango. Alborada de Ourense, Merengue de Carelle, Valse do Miro, Muiñeira de Aranga, Foliada de Carril, Tango de Mallou, Pasodobre de San Roque, Loliña, Pasacorredoiras de Arnoia  e As miñas cousas integran a programación da xornada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2022.