Ir o contido principal

A danza universitaria contemporánea volve a Lugo da man da USC

Cartaz do XIII Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC
Cartaz do XIII Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC
A caixa negral do MIHL acolle este mércores e xoves as funcións das catro compañías convidadas no XIII Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC

A décima terceira do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, un foro artístico pioneiro en Galicia e tamén dos máis lonxevos do panorama universitario español, congregará este mércores e xoves na caixa negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) catro compañías de danza nacidas ao abrigo do Espazo de Danza da USC nos campus de Lugo e de Santiago (DanzaUSCompostela, DanzaUSCLugo, Lembranzas e O 3º Sorriso), que presentarán distintas producións propias.

O Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, un certame incluído na programación cultural financiada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que na actualidade se alimenta das achegas financeiras arbitradas pola USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, caracterízase na súa décima terceira edición por unha marcada aposta por darlle visibilidade ao traballo propio, unha produción cada vez maior e de probada calidade. Trece anos despois da primeira edición dos encontros universitarios de danza contemporánea na USC, esta modalidade de expresión artística ten acadado unha dimensión transversal entre os membros da comunidade universitaria da institución académica compostelá. A creación e permanencia ao longo dos anos de dúas compañías propias nos campus de Lugo e de Santiago, así como a evolución de formacións nadas ao abrigo da USC que agora comezan a súa andaina de xeito independente ou a máis recente posta en marcha dunha compañía de danza integrada por persoas maiores de 50 anos inscritas en estudos de IV Ciclo Universitario dan mostra das fondas raíces trenzadas pola danza na USC. Programa A compañía ‘O 3º Sorriso’, unha formación de nova creación dirixida por Juan Carlos Zahera e resultante do curso de danza creativa incluído na oferta formativa do IV Ciclo no campus de Lugo, abrirá este mércores, a partir das 20.30 horas, na caixa negra do MIHL, o programa de representacións do XIII Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC con ‘Sen vergoña’, con coreografía de Rosa Acuña. ‘Mentres tanto, un segundo’, a cargo da compañía danzaUSCompostela, e ‘Clic’, da man dos tres integrantes da formación danzaUSCLugo, completan o programa da primeira xornada do XII Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC. A compañía independente da USC ‘Lembranzas’ presentará o xoves 23 de abril, a partir das 20.30 horas, na caixa negra do MIHL a obra ‘Cruce de camiños’, unha produción colectiva propia. Logo da intervención desta nova formación artística, as compañías danzaUSCompostela e danzaUSCLugo farán tamén o xoves un novo pase das súas respectivas producións. A entrada e libre é gratuíta para todas as representacións ata completar aforo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2015.