Darío Villanueva Prieto ingresou na Real Academia Española
O ex reitor da Universidade de Santiago e catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na mesma institución, Darío Villanueva Prieto, pronunciou este sábado o seu discurso de ingreso na Real Academia Española (RAE) na que ocupará o sillón ‘D’, vacante tras a morte do filólogo Zamora Vicente a quen no acto rendeu unha pequena homenaxe.
Á cerimonia asistiron máis de cincocentas persoas, entre as que se atopaba un nutrido grupo de representantes do mundo académico, da cultura e da política galegas, como o ministro César Antonio Molina; a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; ou o secretario xeral do Goberno galego, Gumersindo Guinarte, ademais de varios responsables da Universidade compostelá.
No seu discurso, titulado 'El Quijote antes del cinema' e contestado polo académico Pere Gimferrer, Villanueva centrouse nas múltiples solucións precinematográficas que encerra a novela máis importante da literatura en lingua española.
A candidatura de Villanueva a RAE foi proposta no seu día por Francisco Ayala, Goytisolo e Guillermo Rojo, profesor tamén da institución docente compostelá.