Ir o contido principal

Un debate sobre o modelo de estudos de grao e posgrao abre os ‘Encontros de xoves de lúa chea'

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
Os profesores da USC Ana García Arias e Luis Castañón encetarán, a partir das 20.00 horas, un coloquio aberto á participación de estudantes e docentes

O ciclo de debates sobre temas de actualidade ‘Encontros de Xoves de Lúa Chea’ botará a andar este xoves, a partir das 20.00 horas, na cafetería da residencia universitaria Jesús Bal y Gay, cunha sesión aberta na que se reflexionará sobre o modelo de estudos de grao e posgrao.

Os profesores da USC Ana Isabel Garcia Arias e Luís Castañón Lamas serán os relatores que se ocupen de situar ao público asistente no tema de conversa con intervencións breves nas que debullarán as vantaxes e inconvenientes do actual modelo, que contempla títulos de grao de catro anos de duración e posgraos de un, e do escenario que se abre coa reforma que se vén de aprobar e que depara a posibilidade de ofrecer graos de tres anos e posgrados cunha duración de dous anos. O ciclo ‘Encontros de Xoves de Lúa Chea’ é unha iniciativa promovida polo colectivo universitario Proxéctate en Galego, que integra os membros das distintas comisións de normalización lingüística do campus de Lugo, coa pretensión de favorecer debates en lingua galega sobre temas de actualidade relacionados coa vida universitaria. Estas sesións, que terán continuidade nos vindeiros meses e contemplan unha nova cita o 9 de abril, están abertas á cidadanía e son de asistencia libre e gratuíta. Asemade, todas as persoas asistentes poderán compartir un aperitivo ao remate de cada coloquio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2024.