Ir o contido principal

Debate sobre riqueza lingüística e ensino na Casa do Saber co gallo do Día Internacional da Lingua Materna

De esquerda a dereita, Neira, Valcárcel e Castro, na Casa do Saber
De esquerda a dereita, Neira, Valcárcel e Castro, na Casa do Saber
María Xosé Rodríguez Valcárcel modera unha táboa redonda na que tamén interviñeron os profesores da USC José María Álvarez Castro e Modesto Rodríguez Neira

A riqueza lingüística e o ensino centrou a temática da sesión aberta celebrada este sábado na Casa do Saber da USC en Lugo co gallo da celebración do Día Internacional da Lingua Materna, unha data declarada pola Unesco en 1999 para conmemorar a defensa do idioma bengalí ante a opresión do goberno do antigo Paquistán Occidental, que no ano 1952 tratou de impoñer como lingua oficial o urdu, negando estatus de oficialidade ao bengalí.

A proxección dun documento audiovisual alusivo ás linguas maternas e, nomeadamente ao bengalí, serviu para abrir unha táboa redonda, promovida polo colectivo universitario Proxéctate en Galego en colaboración coa USC e Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, e guiada pola profesora de Lingua e Literatura Galega María Xosé Rodríguez Valcárcel. Os profesores da USC Modesto Rodríguez Neira e José María Álvarez Castro foron os outros dous relatores que interviñeron neste foro aberto a prol das linguas maternas en xeral e, nomeadamente, do idioma galego. A profesora de Lingua e Literatura Galega no Centro de Ensino Permanente de Adultos de Lugo, María Xosé Rodríguez Valcárcel reflexionou na súa intervención sobre os últimos datos sociolingüísticos fornecidos polo IGE e dos pasos atrás rexistrados no ámbito educativo nos últimos anos no que atinxe á presenza e á promoción do galego. José María Álvarez Castro, autor de ‘As voltas coa diversidade cultural’, unha obra na que traduce ao galego as conferencias encargadas polo Unesco ao etnólogo Claude Levi-Strauss para traballar nun ideario antirracista, fixo unha aproximación á cuestión da riqueza lingüística desde unha perspectiva internacional, mentres que o tamén profesor da USC na Facultade de Formación de Profesorado Modesto Rodríguez Neira centrou a súa intervención nas experiencias e nos resultados dos sistemas de ensino multilingüe. Asistentes ao acto conmemorativo do Día Internacional da Lingua Materna

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2015.