Ir o contido principal

Debaten na USC a axenda ambiental das Administracións públicas galegas

O Centro de Estudos Avanzados da USC (Finca Vista Alegre, Santiago) será este mércores 20 o punto de encontro de especialistas e representantes de diversas institucións para debater a axenda ambiental das Administracións públicas galegas.

A xornada está organizada pola agrupación estratéxica CRETUS (Center for Research in Environmental Technologies) composta por oito grupos da Universidade de Santiago e pola Rede Galega de Tratamentos de Auga (rede REGATA) que conforman dez grupos de investigación das tres universidades galegas. Ambas as dúas foron creadas ao abeiro do Programa de Consolidación de unidades de investigación da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

Na xornada, que dará comezo ás 9.30 horas, analizaranse os programas e intereses no eido ambiental das Consellarías de Medio Ambiente, do Medio rural e do Mar; de MeteoGalicia, de Augas de Galicia, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de Acuaes, da Federación Galega de Municipios e Provincias e do Concello da Coruña. Ao principio da sesión o catedrático da USC Juan Lema fará unha presentación do cometido e retos da Rede REGATA e da Agrupación CRETUS.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2016.