Deborah García Bello presenta no Museo de Historia Natural da USC o libro Todo es cuestión de química

A divulgadora científica Deborah García Bello presenta este mércores 29 no Museo de Historia Natural da USC o seu libro Todo es cuestión de química. A presentación, de entrada libre, será ás 19.30 horas e nela intervirá ademais Manuel Vicente. Rematará cun debate co público.
Deborah García Bello (A Coruña, 1984) é licenciada en Química pola Universidade da Coruña e autora do blog dimetilsulfuro.es, galardoado co Premio Bitácoras 2014. Actualmente compaxina a divulgación coa docencia en secundaria e Formación Profesional. Ademais de Todo es cuestión de química (Ed. Paidós) é autora de numerosas antoloxías poéticas e do libro Megalomanía (Ed. Vitruvio).
Todo es cuestión de química achega o mundo desta ciencia dende unha mirada próxima e divulgativa. Se observamos o noso entorno non é difícil preguntarse cousas como ¿de que están feitas as cousas? ¿como se transforman unhas cousas noutras? ou ¿por qué son como son?. O libro describe a través de exemplos cotiás moitos conceptos, dende que é un átomo ou unha molécula ata como funciona un misto ou unha pila. Explicacións sinxelas de temas complexos, con ilustracións que axudan a comprender o incomprensible.