Unha década despois, a USC fai una relectura do proxecto Procesalia na Igrexa Universitaria
En 2001 a Universidade de Santiago puxo en marcha un orixinal proxecto cultural no que novos e novas artistas expoñían no coro da Igrexa Universitaria unhas instalacións realizadas ad hoc. Por alí pasaron nomes descoñecidos que hoxe xa se fixeron un oco no panorama artístico actual. Agora, unha década máis tarde –Procesalia desenvolveuse ata 2003–, a Universidade compostelá fai unha relectura deses artistas e das súas obras de maneira que o resultado sexa unha mostra de arte contemporánea conformada por pezas feitas ex profeso para un peculiar espazo expositivo como é, nesta ocasión, a Igrexa da Universidade. A exposición consegue así pór en valor o patrimonio histórico deste espazo arquitectónico, non só convivindo con el, senón tamén recreándoo, subliñando a súa presenza e actuando sobre el. Prácticas O proxecto non esquece unha vertente pedagóxica e é por iso que nesta ocasión leva parella unha convocatoria de prácticas para 30 persoas que poderán participar en todo o proceso de creación, montaxe, difusión e análise dun proxecto expositivo, con 150 horas e 4 créditos ECTS. Para participar poderán inscribirse ata o 21 de novembro na Área de Cultura da USC (Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro). Para coñecer os detalles desta convocatoria o decano de Xeografía e Historia da USC, Juan Monterroso, e a comisaria da exposición, Montse Cea, manterán unha reunión con estudantes o luns 18 ás 20.00 horas na aula 8 da Facultade. 19 artistas en Procesalia 2013 Nesta nova edición reúnense Ana de Matos, Antón Caamaño, Carlos Sena Caires e Jorge Cardoso (VOID), Rosa Sánchez e Alain Bahuman (Kónic), Kai Takeda, Isaac Cordal, Paula Mariño, Xoan Anleo, Xoán Brión, Eduardo Valiña, Manuel de la Rosa, Carme Nogueira, Monse Rego e Carme Nogueira. Ademais, convídanse dous novos artistas: Marta Prieto e Nilo Arias. Son 19 creadores do ámbito galego, estatal e internacional de recoñecido prestixio que crearon obras feitas e inspiradas no espazo da Igrexa, adaptando os seus discursos persoais e liñas de investigación plástica a este proxecto. Video-creacións, creacións multimedia de arte interactiva, fotografía, performances documentadas en vídeo, escultura en proceso e pezas de son conviven con debuxos e instalacións varias. Ademais, das obras extráense moitas das preocupacións que atinxen á sociedade actual como a persistente violencia contra a muller, a arte como forma de resistencia poética e política, a relación coas persoas excluídas ou a que existe mediatizada polos novos sistemas de comunicación na era dixital. Procesalia 2013 inaugurarase o xoves 28 ás 20:00 horas. O proxecto está comisariado por Monse Cea e producido pola USC e conta coa colaboración dos museos MARCO e Verbum de Vigo.