A decana de Ciencias Políticas e Sociais tomou posesión do seu cargo

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, presidiu este venres 26 en San Xerome o acto protocolario de toma de posesión da decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, Nieves Lagares Díez.
A profesora Lagares, que tivo unha emotiva lembranza para os seus predecesores no cargo, destacou que despois dun ano difícil a facultade viviu o seu propio proceso de emancipación coa aprobación do grao adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior.
Recoñecendo a importancia da institución por riba “de cada un de nós” e da necesidade de traballar o conxunto da comunidade universitaria polo mesmo fin como expresión máxima de confianza institucional, a decana opinou que “as ciencias sociais pasan polo seu peor momento”. A explicación habería que buscala na excelencia, “unha forma de ideoloxía que xustifica restricións para separar o bo do malo”, engadiu a doutora Lagares.
Pola súa banda, o reitor compostelán subliñou que tras momentos de dificultades e grandes esforzos o centro acadara unha gran recompensa, “ser un dos dous centros que nos enchen de orgullo por ser capaces de adiantarse ao resto” e ser referente incluso para centros de maior envergadura. Senén Barro, que expresou o aprecio e apoio do equipo reitoral cara este centro, destacou que a Facultade de Ciencias Políticas da USC acolle unha das titulacións mellor valoradas no sistema universitario español.
Nieves LagaresNieves Lagares Diez é profesora titular de Ciencia Política e da Administración. Doutora en Ciencia Política coa tese “Génesis y desarrollo organizativo del Partido Popular de Galicia”, dirixida polo profesor Ramón Máiz Suárez e publicada na editorial Tecnos. Conta con diversas publicacións en revistas de información política e colaboracións en libros especializados de Ciencia Política sobre diversos temas entre os que destacan eleccións, partidos políticos, sistemas políticos comparados e metodoloxía de investigación.