Ir o contido principal

A decana María Teresa Cancelo, Economista do Ano 2010

Maite Cancelo, decana da Facultade de Económicas e Ciencias Empresariais
Maite Cancelo, decana da Facultade de Económicas e Ciencias Empresariais

A decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, María Teresa Cancelo, acaba de ser elixida Economista do Ano 2010 polo Colexio de Economistas da Coruña, un premio en recoñecemento aos colexiados que destaquen por unha labor “altamente significativa” no ámbito da economía.

Cancelo, decana desde 2007, foi a primeira muller que ocupou ese cargo nos 40 anos de historia desa facultade. Ademais, dende 2009 é vicepresidenta da Conferencia de Decanos de Economía das Universidades Españolas (Confede).

Doutora en Ciencias Económicas e profesora titular de Economía Aplicada, participou na elaboración do Plan Estratéxico da USC e foi presidenta dos Comités de Avaliación das licenciaturas de Economía e Administración e Dirección de Empresas. O seu labor investigador centrouse en cuestións de economía internacional como competitividade ou crecemento económico e desenvolvemento sostible, e crecemento rexional.

Desde hai tres anos a Facultade de Económicas da USC colabora co Colexio coruñés na organización do Curso de Competencias Profesionais, que axuda a identificar as áreas laborais de maior interese e as máis adecuadas ao perfil persoal de cada alumno antes de comezar a súa carreira profesional.

Os anteriores nomeamentos de Economista do Ano, efectuados entre 2006 e 2009, recaeron en Marta Fernández Currás, José Luis Méndez, Salvador Fernández Moreda e Fernando González Laxe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2010.