O décimo concerto do XIV Ciclo de Novos Intérpretes porá o broche a esta edición
As derradeiras notas do XIV Ciclo de Novos Intérpretes corresponderán ás pianistas Rosalía Gómez Lasheras e Olaia Novo Pérez que executarán pezas de Schubert, Debussy, Chopin, Bach, Scriabin e Stravinski. No Paraninfo da Universidade, o concerto celebrarase o vindeiro luns 26 dende as 20.30 horas con entrada libre. Esta é unha iniciativa que organizan a Asociación Galega de Lírica e a USC. Rosalía Gómez Lasheras abrirá a partitura na que se inserta un programa cunha sonata de Schubert, preludios de Debussy e un scherzo de Chopin. Con apenas 18 anos e tras rematar os seus estudos profesionais no conservatorio de Compostela, completa a súa formación en Holanda no conservatorio da Universidade de Utrecht. Varios premios recoñecen o seu talento, como o do Real Club Náutico de Vigo, ASGAIM, Asociación Galega de Compositores, Alto Minho ou Compositores de España, entre outros. A ribeirense Olaia Novo Pérez tomará o relevo interpretando pezas de Debussy, unha partita de Bach e estudos de Scriabin e Stravinski. Como pianista realizou o grao profesional en Santiago, estando na actualidade rematando o grao superior en Zaragoza, no Conservatorio Superior de Aragón. Co do vindeiro luns, complétanse os dez concertos do programa co que se quere poñer en valor aos novos valores do contorno musical galego. Así, máis de trinta e cinco novos músicos de toda Galicia interviñeron nun ciclo no que a música de cámara é a protagonista e na que se puideron escoitar intérpretes dunha gran variedade de instrumentos (piano, violín, clarinete, violoncello, saxofón, ...), canto e grupos de cámara pouco habituais (dúo de violoncellos; trío de frauta, clarinete e piano; dúo de frautas, ...). Como dende a súa primeira edición, o ciclo estivo especialmente dedicado aos máis novos intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir a experiencia necesaria nun escenario. De xeito paralelo pretendíase achegar tamén a música ao público máis novo, que puido achegarse con facilidade a uns concertos nos que a entrada foi sempre gratuíta. Máis de 800 persoas asistiron a este ciclo de concertos de novas promesas. Trece anos de historia e máis de catrocentos participantes avalan sen dúbida xa unha sólida traxectoria dunha convocatoria pensada en prol da difusión da música e para prestar un pequeno pero imprescindible apoio ao futuro da música en Galicia, aos nosos novos valores.