A décimo sexta edición dos premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación xa ten premiadas

A XVI Edición dos premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, nos que colabora o Concello de Santiago de Compostela, ten xa premiadas, que recollerán os seus galardóns o 6 de outubro nun acto que terá lugar ás 12.00 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presenza do reitor Antonio López e da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
O primeiro premio na modalidade de investigación gañouno Carmen Montero Ferrer polo traballo ‘Novos desenvolvementos no ámbito da xustiza internacional penal de xénero’, e na de docencia Silvia López Gómez por ‘Educar con mirada de xénero: materiais didácticos que ensinan e transforman’.
Ademais, na categoría de investigación Ana Rodríguez Álvarez fíxose co segundo premio polo seu traballo ‘Monografía Perspectiva de género y prueba Thomson Reuters Aranzadi, Cizur Menor (Navarra), 2024’ e Mónica Arto Blanco co terceiro por ‘CLIMACTIVA. Iniciativas ciudadanas ejemplares’.
Pola súa banda, na modalidade docente o segundo premio recaeu en Silvana Longueira Matos coa iniciativa ‘Defender a quen defende: mulleres defensoras de dereitos’ e o terceiro en Eva Cernadas García con ‘Perspectiva de xénero en materias de programación básica’.
O xurado estivo presidido por Sonia Esperanza Rodríguez Boente, delegada do reitor para a Igualdade, e composto ademais por Carmen Fernández Morante, directora do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) que actuou como secretaria, e as vogais Yolanda Maneiro Vázquez e María Teresa Moure Pereiro.
Dimensión de calidade
Os Premios teñen como finalidade fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, considerada como unha dimensión de calidade e innovación docente dos centros, departamentos e institutos de investigación. Esta liña de actuación constitúe unha das principais apostas da USC en materia de xénero, entendendo que un dos maiores potenciais para promover a igualdade efectiva de mulleres e homes reside na incorporación da perspectiva de xénero nas dúas principais facetas da nosa actividade de xeración e difusión de coñecemento: a docencia e a investigación.
A iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de 50 de toda a Unión Europea; e incluída na ferramenta en liña (GEAR tool) de apoio a organizacións investigadoras na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.