Ir o contido principal

Defenden a transparencia no proceso de deseño da descentralización asimétrica nos sistemas de gobernanza

O encontro contou con especialistas de Europa, Asia, América e África. Foto: Santi Alvite
O encontro contou con especialistas de Europa, Asia, América e África. Foto: Santi Alvite
Un encontro internacional en Santiago contou con especialistas de Europa, Asia, América e África para analizar os retos e oportunidades do federalismo asimétrico

O recoñecemento das diferencias dentro dos Estados que supón a descentralización asimétrica ten que vir da man de transparencia no deseño institucional e o seu coñecemento por parte da cidadanía. Esta foi unha das conclusións do encontro que a Universidade de Santiago e o International Center for DEcentralization And GOVernance (IDEAGOV), organizaron en Santiago en colaboración coa Universitat Pompeu Fabra e a Georgia State University baixo o lema ‘Asymmetric Federalism – The Perfils and Advantages of Asymmetric Decentralization Arrangements’.

Ao longo de dúas xornadas, persoas expertas procedentes de Europa, Asia, América e África analizaron en profundidade as distintas formas de descentralización asimétrica dentro dos Estados e o seu impacto nos sistemas políticos contemporáneos. No encontro púxose de manifesto a importancia do diálogo académico e da cooperación internacional para comprender como o federalismo asimétrico inflúe na eficacia das políticas públicas, na equidade territorial e na gobernanza multinivel en diferentes rexións do mundo.

A sesión inaugural contou coa participación do reitor Antonio López e de Ignacio Lago (Universitat Pompeu Fabra), Agnese Sacchi (University of Urbino Carlo Bo), Jorge Martínez-Vázquez (Georgia State University) e Santiago Lago-Peñas (USC). Xa a primeira xornada se centrou na evidencia empírica sobre as causas e consecuencias da descentralización asimétrica en perspectiva comparada. Entre outros aspectos, amosouse como a descentralización é una solución para a acomodación de territorios con fortes identidades propias ou características singulares, como a insularidade no conxunto dos Estados.

Na segunda sesión o programa orientouse á análise das experiencias de descentralización asimétrica nos países de referencia no campo, como son España, Canadá, Francia, Indonesia, Filipinas, Italia e Sudáfrica. As ponencias permitiron contrastar experiencias, identificar retos comúns e explorar solucións institucionais adaptadas a contextos diversos.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2025.