Ir o contido principal

O Defensor do Pobo clausura o Encontro da Conferencia Estatal de Defensorías Universitarias

Ángel Gabilondo pronuniou o relatorio de clausura. FOTO: Santi Alvite
Ángel Gabilondo pronuniou o relatorio de clausura. FOTO: Santi Alvite
A necesidade de concretar as funcións das valedorías nos cambios normativos, adoptar medidas no ámbito da saúde mental e preservar os dereitos do PDI no inicio da carreira investigadora foron as principais conclusións da edición vixésimo cuarta deste foro
Santiago de Compostela

O XXIV Encontro da Conferencia Estatal de Defensorías Universitarias (CEDU) botou o peche este venres logo dunha semana na que se deron cita un cento de persoas entre defensoras/es das universidades públicas e privadas, adxuntas/os e demais persoal das valedorías. O relatorio de clausura correu a cargo do Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, quen tamén asinou no libro de honra da USC.

O encontro serviu para profundar en diferentes aspectos como a análise do estado de aplicación da lei de convivencia universitaria, a saúde mental nas universidades, a evolución da figura do defensor universitario e a súa  concreción na Lei do Sistema Universitario Español (LOSU), ou os dereitos laborais do persoal docente e investigador ao inicio da súa carreira profesional.

O valedor da comunidade universitaria da USC, Miguel Alcaraz García, destacou como o foro serviu para poñer o foco nos cambios normativos que está a vivir o eido universitario e en como neles é preciso que se concreten as funcións das defensorías. Esta foi unha das principais conclusións dun encontro que tamén serviu para denunciar como existe “un problema serio de saúde mental no contexto das comunidades universitarias”. Neste senso, Alcaraz puxo en valor o “paso importante” dado pola USC á hora de crear a súa Unidade de Atención Psicolóxica e destacou como dende o conxunto das institucións universitarias “debe facerse un esforzo para crear servizos de atención neste eido”.    

Finalmente, o encontro serviu para poñer o foco na necesidade de apoiar medidas tendentes a que o PDI, tamén no inicio da súa carreira, “sexa suxeito de todos os dereitos dos traballadores”, en referencia ao recoñecemento de trienios ou complementos, entre outros.

Relatorio de clausura

Na conferencia que serviu de clausura ao encontro, o Defensor do Pobo Ángel Gabilondo ofreceu unha lectura crítica da figura do/a defensor/a universitario/a que, apuntou “está no centro da universidade pero habita nas marxes, nos límites, onde hai que abrir camiños. É alí onde aparece a fraternidade universitaria, sen a que non hai verdadeira liberdade nin igualdade. É o elemento decisivo da cohesión da comunidade universitaria”. 

O Defensor do Pobo chamou as defensoras e defensores a ser “proactivas/os, a saír ao encontro das cuestións e volverse chaves na busca de espazos de convivencia e concordia”. Lembroulles que “non se media dende arriba”, “que cómpre integrar a defensoría na Universidade pero non incrustala nas estruturas administrativas e orgánicas “ e que “non se precisan heroes ou heroínas, senón institucións. Precisamos que o/a defensor/a sexa unha institución”.

O acto de clausura estivo presidido polo reitor Antonio López quen agradeceu “a análise e disección do papel das defensorías” realizada por Ángel Gabilondo ao propiciar unha reflexión sobre a singularidade destes figuras o que poderá redundar na mellora da súa funcionalidade na estrutura universitaria. No acto tamén participou Milagros Alario Trigueros, presidenta de la Conferencia Estatal de Defensorías Universitarias.

A figura do valedor

O valedor da comunidade universitaria é o órgano designado polo Claustro para a defensa e garantía dos dereitos dos membros da comunidade universitaria. Pode, ademais, instar e promover ante os órganos correspondentes actuacións e iniciativas para mellorar os dereitos e liberdades  da comunidade universitaria así como a calidade en calquera ámbito da Universidade. Trátase dunha institución independente dentro da Universidade, non está sometida a mandato imperativo ningún, nin recibe instrucións de ningunha autoridade ou órgano de goberno.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2022.