Ir o contido principal

Definir estratexias de internacionalización, clave para a investigación

O CIQUS acolle o 3 de maio a xornada ‘Estratexias de internacionalización para un Campus de Excelencia’

A USC persegue dinamizar entre o persoal investigador o valor da internacionalización nunha xornada a desenvolver o vindeiro xoves, 3 de maio, no Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS). O encontro pretende fomentar e dinamizar a internacionalización dos grupos de investigación da USC, poñendo en valor os resultados xeradose proxectando experiencias de éxito, así como dar as claves para definir estratexias e liñas de internacionalización integradas. A presentación dará comezo ás 11.00 horas coa intervención dos vicerreitores de Investigación e Innovación e de Relacións Exteriores e Internacionalización, Francisco González e Víctor Millet. A continuación o profesor Juan José Moreno Navarro, catedrático da Universidade Politécnica de Madrid e ex director Xeral de Política Universitaria, explicará as diferentes estratexias para internacionalizar a investigación. Logo dos relatorios de Martín Cacheiro e de Jacobo Feás, ambos os dous da USC, sobre os recursos para a internacionalización da investigación e da mobilidade e docencia, terá lugar unha mesa redonda de debate.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.04.2012.