Ir o contido principal

Degustar viños das Rías Baixas ao son da literatura de Rosalía

Promovidas polo Departamento de Historia Contemporánea e América da USC, nesta ocasión contan coa adega convidada Viña Moraima

A cafetaría do Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago albergará este martes 14 a segunda sesión das Xornadas sobre viño e cultura galega que conduce o profesor Xavier Castro, do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC que promove a iniciativa. Estas xornadas buscan integrar a cultura do viño, a través de pequenas sesións de iniciación á cata, coa creación literaria, artística e musical galega. Os viños da Adega Viña Moraima serán os protagonistas deste martes no que a partir das 20.00 horas se glosará a traxectoria vital e a obra da poetisa Rosalía de Castro, unha das grandes creadoras da cultura europea oitocentista cunha obra que “ten ademais un grande interese etnolóxico e contén unha fecunda canteira de referencias aos nosos viños”, explica Castro. A cooperativa Adega Viña Moraima, situada en Barro (subzona do Salnés, enmarcada na Denominación de Orixe Rías Baixas), practica unha agricultura de produción integrada que fai por obter o máximo partido á calidade da uva, dando como resultado uns viños monovarietais albariño 100% nos que se aprecian as súas características xenuínas. Na actualidade, elabora dous viños de calidade contrastada: Aba de Trasumia e Moraima. Viños e petiscos Os comentarios do profesor da USC darán conta das características esencias da obra literaria de Rosalía, moi vencellada á súa peripecia vital, e aludirán ás referencias que a poetisa fai á cultura do viño. “Mais convén tamén mollar a palabra, -explica- e deste xeito as glosas e achegas documentais iranse entreverando co goce dos excelentes Albariños de Viña Moraima, e o recitado dalgúns textos senlleiros de Rosalía, mesturado todo coa audición de poemas musicados e cancións de Amancio Prada, Luz Casal e algunhas cantigas populares”. Para asistir á xornada haberá que pagar os 9 euros da entrada na propia cafetaría, que darán dereito ademais a uns petiscos de pan de Cea cun compango de friames de porco celta e queixo de Ulloa. As xornadas A iniciativa, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, desenvólvese co mesmo programa en Santiago e Vigo. Logo da primeira sesión dedicada a Maruja Mallo e desta a Rosalía, a seguinte cita será sobre Julio Camba o xoves 23 en Vigo e o martes 28 en Compostela. Quedarán dúas sesións máis para xuño centradas na obra literaria de Valle-Inclán e de Álvaro Cunqueiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2013.