Ir o contido principal

Unha delegación de estudantes e docentes da Escola Politécnica Superior acude á Semana Vitivinícola de Burdeos

O profesor García Berrios, no centro, con estudantes e titulados da Escola Politécnica en Francia
O profesor García Berrios, no centro, con estudantes e titulados da Escola Politécnica en Francia
A comitiva universitaria, encabezada polo profesor Julián García Berrios, aproveitou a súa estadía en Francia para facer promoción dos estudos e da investigación do campus

Unha delegación de estudantes e docentes da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo integrada por preto de 30 estudantes de grao e de máster e encabezada polo profesor Julián García Berrios, participou na última edición da Vinitech Sifel ou Semana Vitivinícola de Burdeos, un escaparate internacional das novas técnicas e tecnoloxías dos sectores vitivinícola, hortícola e arborícola que citou do 2 ao 4 de decembro preto de 850 expositores e máis de 44.000 profesionais e visitantes. A presenza dunha expedición Escola Politécnica Superior do campus de Lugo na Semana Vitivinícola de Burdeos constitúe xa pouco menos que unha tradición debido a interese que amosa por esta cita sectorial o profesor do Departamento de Produción Vexetal e membro do grupo de investigación GI 1988 Viticultura e Sanidade Vexetal da USC, que é un asiduo a esta feira internacional do mundo do viño e da súa tecnoloxía que cada dous anos se celebra en Burdeos. Nesta nova edición da Vinitech Sifel, a delegación luguesa non foi a única expedición universitaria española presente na Semana Vitivinícola de Burdeos, un escaparate internacional que deu cabida a expositores, produtores e fabricantes de máis de 70 países de todo o mundo e no que tamén estiveron presentes estudantes e docentes das universidades de Valencia e Zaragoza, segundo subliñou García Berrios. Este profesor da EPS resaltou que o interese que reporta esta feira sectorial sobre o mundo do viño para a comunidade universitaria radica no feito de que os estudantes e investigadores que formaron parte da expedición tiveron a ocasión de coñecer de primeira man aspectos relacionados co negocio do viño, así como os últimos adiantos tecnolóxicos ou as canles de comercialización deste tipo de produtos vitivinícolas. García Berrios sinalou neste senso que a presenza na Semana Vitivinícola de Burdeos permitiu que os estudantes e investigadores da EPS tiveran unha visión práctica e global do mundo do viño, ademais de adquirir coñecementos específicos a través dos diferentes relatorios impartidos por expertos e profesionais de recoñecido prestixio no marco deste escaparate internacional. A posibilidade de facer promoción e de dar a coñecer en Francia os estudos de grao e posgrao relacionados coa viticultura, árbores, hortalizas e froitas impartidos no campus de Lugo é tamén unha cuestión non menor para o profesor García Berrios, quen indicou que a posibilidade de dar a coñecer esta información, así como outra relativa ás liñas de investigación desenvolvidas ou nas que está a traballar na actualidade o GI 1988 Viticultura e Sanidade Vexetal da USC, constitúen tamén un reforzo cara a promoción do campus e da propia Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. A participación no abano de actividades programadas no marco da Semana Vitivinícola de Burdeos foi o principal motivo da viaxe realizada a comezos de decembro pola comitiva da EPS a Francia e sufragada por cada un dos participantes. Aínda así, o grupo estudantil guiado por García Berrios tamén aproveitou a viaxe para participar nalgunha das visitas a instalacións ou viñedos promovidas pola organización da Vinitech Sifel, así como para desprazarse a localizacións próximas a Burdeos como Saint Emilion.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2014.