Unha delegación da NanJing Normal University de China coñece a Universidade de Santiago

Representantes da Nanjing Normal University visitaron esta mañá a Universidade de Santiago, onde foron recibidos polo reitor Juan Casares. O obxecto deste encontro e dar a coñecer e fomentar a colaboración entre ambas institucións académicas con particular atención aos programas de mobilidade de persoal docente e investigador e estudantes. A continuación, tivo lugar unha xuntanza de traballo, á que asistiron, por parte da USC, os vicerreitores de Estudantes e Formación Continua, Francisco Ramón Durán; a adxunta de Estudos de Grao e Posgrao, María Isabel González; a de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández e o coordinador de Relacións Exteriores, Jacobo Feás. A delegación chinesa estivo encabezada polo director do Centro de Servizo de Estudos no Estranxeiro, Shen Kang, a quen acompañaron responsables do Instituto de Linguas Estranxeiras, Belas Artes e a coordinadora do Centro de Estudos da NanJing Normal University. Neste encontro, técnicos da Universidade compostelá ofreceron información relativa aos cursos internacionais e de linguas que se imparten na USC, así como á actividade desenvolta polas oficinas de Relacións Exteriores e Información Universitaria, así como do Servizo de Xestión Académica. Tras a xuntanza de traballo, a delegación da NanJing Normal University coñeceron as instalacións da institución académica compsotelá a través dun percorrido por diferentes centros e instalacións como a Residencia Universitaria Fonseca, a Biblioteca Concepción Arenal ou a Facultade de Ciencias Políticas. A xornada conclúe cunha visita aos edificios emblemáticos da USC.