Unha delegación da Universidade de Nantes visita estes días a USC

Unha delegación da Universidade de Nantes atópase estes días, ata o próximo mércores 22, de visita institucional na USC co obxecto de profundar en proxectos conxuntos de investigación, docencia e intercambio de estudantes e profesores. A delegación, que foi recibida polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, intégrana a ex vicerreitora de Relacións Internacionais, a catedrática de Lingüística Olga Galatanu, e o director do director do Institut de Recheerche e Formation en Français Langue Étrangère (IRFFLE), Loïc Fravalo.
O programa da visita, unha iniciativa da Vicerreitoría de Relacións Institucionais coa Facultade de Filoloxía da USC, permitirá ademais coñecer o novo modelo de estudos filolóxicos da Universidade de Nantes. Neste senso, a delegación realizará este martes 21 unha visita á Facultade compostelá onde se vai celebrar un seminario de traballo co equipo decanal, representantes do Centro de Linguas Modernas e do profesorado do centro no que se lles presentará e explicará o funcionamento do IRFFLE. Ese mesmo día, a partir das 17:00 horas, tamén manterán un encontro cos integrantes do grupo Francion.
Para rematar a estadía, Olga Galatanu ofrecerá o mércores 22 a partir das 12:00 horas na mesma Facultade a conferencia ‘Os marcadores discursivos afectivos en francés e en español’.