Ir o contido principal

O delegado de Francia no CERN pronuncia unha conferencia este venres en Santiago

O director do Instituto Nacional francés de Física Nuclear e de Física das Partículas e delegado de Francia no CERN, Michel Spiro, pronuncia este venres 20, ás 20:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, unha conferencia sobre partículas e universo. O conferenciante, que asumirá a partir de xaneiro a presidencia do CERN, será presentado polo profesor Carlos Pajares Vales, delegado de España no centro de investigación de Suíza. Antes da conferencia, ás 19:15 horas, o científico entrevistarase co reitor Senén Barro no seu despacho en San Xerome.
A conferencia enmárcase na exposición ‘O CERN a través dos ollos dun artista’, do fotógrafo alemán Peter Ginter, que permanece dende a semana pasada na Alameda compostelá como un dos actos da Semana da Ciencia. Neste mesmo marco, o pasado día 12, Michelangelo Mangano, membro permanente da unidade de Física Teórica do CERN, falou da procura das leis últimas da Natureza.
A mostra, que se pode visitar ata o 25 novembro, chegou a España o agosto pasado da man do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas y Nuclear (CPAN), xestionado polo CSIC. Dende entón pasou por Santander, Oviedo, Valencia e Madrid, e visitará outras cidades españolas como Sevilla, Huelva, Granada, Terrasa, Barcelona e Bilbao. Encadrada na Semana da Ciencia 2009, está financiada na súa meirande parte polo CPAN e pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galicia, coa participación da Fundación BBVA e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, contando ademais coa colaboración da USC e o Concello de Santiago.
A organización en Galicia corre a cargo do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, coa participación da Xunta de Galicia e do centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (CIEMAT).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2009.