A demografía é a principal causa da caída de alumnos no campus de Lugo, a mellor industria da provincia, sinala un foro da AAAUSC
A caída da demografía local e tamén en Galicia, a redución das prazas ofertadas, a nova planificación académica derivada da implantación do Plan Boloña, o interese crecente que espertan entre a mocidade os ciclos superiores de FP, xunto coas consecuencias da crise económica, constitúen as principais razóns polas que a sede universitaria luguesa viu reducida á metade a súa poboación estudantil nos últimos tres lustros, nos que se pasou de 10.000 a menos de 5.000 alumnos.
Este diagnóstico recolle as principais ideas apuntadas polos participantes na mesa de debate ‘ Actualidade e perspectivas de futuro da Universidade en Lugo’, un foro promovido pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e no que interviñeron como relatores o profesor e ex vicerreitor do campus de Lugo, Carlos Herrero; a secretaria xeral adxunta da CEL, Lourdes Pardo; a deputada provincial Pilar García Porto, e a adxunta á presidencia do grupo empresarial Aresa, Carlota López. A presidenta da AAAUSC, a profesora Benita Silva Hermo, foi a encargada de abrir a quenda de intervencións deste debate, que estivo moderado por Blanca de Cora García-Montenegro, adxunta á presidencia de El Progreso, e no que se puxo de manifesto que “a Universidade é a mellor industria para o desenvolvemento da provincia de Lugo”. Asisentes á mesa de debate celebrada na Casa do Saber