Ir o contido principal

Demóstrase eficaz un proxecto sobre a aprendizaxe de competencias emprendedoras en primaria e secundaria

Demóstrase eficaz un proxecto sobre a aprendizaxe de competencias emprendedoras en primaria e secundaria
Demóstrase eficaz un proxecto sobre a aprendizaxe de competencias emprendedoras en primaria e secundaria
A experiencia probouse conxuntamente nun centro galego e noutro de Reino Unido

As Universidades de Santiago –a través do Grupo de Tecnoloxía Educativa de Beatriz Cebreiro López e Carmen Fernández Morante– e Plymouth (Reino Unido) xunto co CPI ‘O Cruce’ de Cerceda e a Saint Andrews School presentaron esta semana na USC as conclusións do proxecto europeo ‘Key’ realizado coa colaboración das autoridades educativas de ambas as dúas rexións para desenvolver un programa educativo integrado no currículo e orientado á aprendizaxe de competencias emprendedoras no alumnado de primaria e secundaria. O programa desenvolveuse ao logo de dous cursos académicos nos que o estudantado das dúas escolas se formou en competencias básicas como creatividade, resilencia, planificación, organización, traballo en grupo e pensamento crítico. Logo desa formación inicial, tratábase de pór en marcha empresas virtuais co asesoramento de docentes e emprendedores das dúas rexións. Dos proxectos presentados e debatidos – proceso que incluía simulacións de situacións reais, como concursos para conseguir financiamento- destacaron dúas iniciativas, unha de cada rexión. Do centro galego sobresaíu ‘Recovidrio’, empresa de reciclaxe que logrou recoller 3.500 envases de vidro nos seis meses que durou a campaña calculando o total de refugallos e enerxía aforrada, e da Saint Andrews School o proxecto de moda ‘spring fashion april’ que organizou un desfile inspirado nas óperas propostas polo departamento de música do centro. A avaliación conxunta final puxo de releve a eficacia do programa, destacando especialmente en todas as dimensións asociadas ás competencias emprendedoras o alumnado de ‘O Cruce’, centro habitualmente piloto na implementación de innovacións tecnolóxicas. Á xuntanza en Santiago asistiron, ademais das profesoras da USC, a directora do centro coruñés, Milagros Trigo Miranda; os profesores da Universidade de Plymouth Janet Georgeson e Linda la Velle; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, e a responsable de proxectos europeos da Consellaría de Educación, María Blanca Fraga.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2013.