Denuncia social e esaxeración cómica na terceira xornada do festival de teatro en Santiago
O XIV Festival Internacional de Teatro Universitario que se celebra esta semana na USC acolle este xoves, 3 de abril, dúas novas e diferentes propostas a cargo de Teatro Dallas, grupo mexicano residente en Estados Unidos, e dos belgas Real Teatro Universitario de Liège.
‘Pizcas’ é a peza que o grupo chegado de América porá en escena ás 19:30 horas na Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño que a USC ten no Campus Sur, nunha actuación que se repetirá o venres 4. Trátase dun monólogo, tenro e emotivo, sobre a realidade dunha moza que fai un flash-back á infancia lembrando a súa odisea nos campos de algodón de Texas. Teatro de denuncia sobre as terribles condicións de traballo dos mexicanos entre os anos 40 e finais do 60.
Pola súa banda, o grupo belga interpretará ás 21:30 horas no Teatro Principal a obra ‘Si tu máimes...’, adaptación persoal en francés de O home morto de Hans Sachs, unha interpretación do carnaval que se representa en Alemaña dende o século XIV.
O argumento xira en torno a un home que, motivado pola desconfianza, se fai o morto para coñecer os auténticos sentimentos da súa dona sobre el. Será unha conversa entre a muller e uns amigos no seu ‘leito de morte’ a que lle confirme as súas crenzas.