O Departamento de Estomatoloxía da USC colabora na I Marcha Camiño de Santiago contra o cancro oral
O Departamento de Estomatoloxía da USC, en colaboración co Consello Xeral de Dentistas de España e o Colexio Profesional de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña, organiza este xoves, 10 de xuño, a I Marcha Camiño de Santiago contra el cancro oral.
A marcha, que se organiza con motivo do Día Europeo do Cancro Oral o 12 de xuño, partirá ás 16:30 horas de Labacolla coa hora de chegada prevista para as 19:00 na Praza do Obradoiro. Entre outras, participarán a concelleira de Sanidade de Santiago, Mar Martín, e autoridades académicas da USC.
Con esta iniciativa búscase concienciar a toda a poboación da importancia da prevención do diagnóstico precoz desta enfermidade. Desta forma poderá ser tratada nunha fase inicial e conseguir unha maior porcentaxe de curación. Para iso, os cidadáns deberán acudir polo menos unha vez ao ano ao seu dentista para revisar o estado da súa saúde bucodental e aprender a realizarse autoexploracións.
No percorrido compostelán poderán participar, de balde, toda persoa que o desexe, previo rexistro no Colexio Profesional de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña chamando ao 981 22 95 18 ou presentándose persoalmente na sede da rúa Emilio González López, 28. Tamén poden rexistrarse na Secretaría de Odontoloxía.
A I Marcha Camiño de Santiago contra o Cancro Oral únese así a outras iniciativas similares que se celebrarán ao longo deste ano en cidades como Londres, Nova York, Filadelfia, Dalas, Baltimore ou Chattanooga.