Ir o contido principal

O Departamento de Latín e Grego réndelle homenaxe a Juan José Moralejo no seu 70 aniversario

O Departamento de Latín e Grego réndelle homenaxe a Juan José Moralejo no seu 70 aniversario
O Departamento de Latín e Grego réndelle homenaxe a Juan José Moralejo no seu 70 aniversario

Co gallo do seu 70 aniversario, o catedrático Juan José Moralejo Álvarez foi o destinatario este xoves 22 dunha cálida e sentida homenaxe organizada polo Departamento de Latín e Grego da USC no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía. Concibida co máximo secreto para conseguir sorprender ao homenaxeado, a iniciativa quería “recompensar, na maneira do posible, ao profesor Moralejo polo seu longo e brillante traxecto universitario e por un perfil humano e persoal que o fan acredor da maior estima, recoñecemento e gratitude”, como se sinala no volume Άντίδωρν editado de xeito conmemorativo e entregado ao homenaxeado no mesmo acto. Deste xeito, no centro compostelán reuníronse arredor do profesor Moralejo, compañeiros, amigos, familiares e discípulos de quen iniciou unha frutífera traxectoria na Universidade de Santiago no ano 1971 logo de doutorarse en Filoloxía Clásica na Universidade Complutense ese mesmo ano. O resultado foi unha demostración de “amizade, afecto e, sobre todo, recoñecemento académico e científico”. A directora do Departamento, Helena de Carlos, abriu a quenda de intervencións cun percorrido pola traxectoria do profesor Moralejo, para dar paso á profesora Teresa Amado encargada de conducir esta sesión homenaxe, na que tamén estivo presente o irmán do docente, o catedrático de Latín en Alcalá de Henares José L. Moralejo, trazando unha descrición familiar. Unha glosa en tono erudito e xocoso de José M. Díaz de Bustamante, precedeu ao xornalista e escritor Miguel Piñeiro quen alonxándose da faceta académica deu conta do Moralejo pescador, xa que ambos comparten afección arredor da pesca. Continuando co desenvolvemento do acto, cuxo programa o homenaxeado descoñecía, tomou a palabra a continuación o director e pianista compostelán Maximino Zumalave, director do Collegium Compostellanum, do que Juan José Moralejo é integrante, e xunto ao que interveu para interpretar algunhas pezas do seu repertorio. Para concluír a sesión, os organizadores fixéronlle entrega dun volume conmemorativo. Volume

Άντίδωρν. Homenaxe a Juan José Moralejo recompila nun mesmo volume distintas achegas de colegas e amigos da USC así como doutras institucións universitarias españolas e europeas cos que o docente comparte intereses filosóficos, particularmente dos campos das lingüísticas indoeuropea e grega e das lingua paleohispánicas, pero tamén da literatura e da tradición clásicas. A edición correo a cargo dos docentes Mª José García, Teresa Amado, Mª José Martín, Amelia Pereiro e Manuel Enrique Vázquez Buján.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2011.