Ir o contido principal

Dereito e Artes e Humanidades son os eidos máis destacados da USC no ránking THE por materias

A USC ascendeu chanzos na edición correspondente a 2023 do ránking xeral. FOTO: Santi Alvite
A USC ascendeu chanzos na edición correspondente a 2023 do ránking xeral. FOTO: Santi Alvite
A clasificación elaborada por Times Higher Education correspondente a 2023 situou a institución compostelá no chanzo 601-800 da súa clasificación xeral
Lugo, Santiago de Compostela

O ránking Times Higher Education por materias, na súa edición correspondente a 2023, destaca a USC en once eidos de coñecemento. O chanzo máis destacado é o de Dereito no que a institución compostelá ocupa o intervalo 176-200, seguido de Artes e Humanidades no banzo 301-400.

Ciencias da Saúde sitúase na posición 401-500, tal e como sucede con Psicoloxía. No intervalo 501-600 atópanse Educación, Ciencias da Vida e Física. Negocios e Economía sitúase no chanzo 601-800, ao igual que Ciencias da Computación e Ciencias Sociais. Finalmente, no banzo 801-1000, atópase o eido de coñecemento relativo a Enxeñaría.

Ademais, neste mesmo mes, a USC ascendeu chanzos na edición correspondente a 2023 do ránking xeral que Times Higher Education elabora a través da análise de máis de 1.800 institucións de todo o mundo. O intervalo 601-800 é o ocupado pola Universidade nesta listaxe da que forman parte un total de 59 institucións españolas. O ano pasado a USC situábase no banzo 801-1.000.

A clasificación está elaborada en base a trece indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia (30% da valoración final), investigación (30%), citacións (30%), proxección internacional (7,5%), e transferencia de coñecemento (2,5%). O impacto das súas citas, a proxección internacional e a transferencia de coñecemento son, por esa orde, os tres eidos mellor valorados da USC.  

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2022.