Os dereitos humanos na cooperación para o desenvolvemento, tema dun curso de verán en Santiago
Co título ‘O enfoque baseado en dereitos humanos na cooperación para o desenvolvemento: fundamento e práctica’ dará comezo o 13 de xullo no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais de Santiago un novo curso de verán, nesta ocasión dirixido por Irene Rodríguez Manzano e Carlos Teijo García. Trátase dun programa formativo estival, que consta de 30 horas lectivas que rematará o 15 de xullo.
A finalidade básica do curso é a de difundir o enfoque baseado en dereitos humanos na cooperación para o desenvolvemento. A Universidade de Santiago quere con estas clases afondar na resolución A/62/439/Add.6, na que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclama o ano 2009 Ano Internacional para a Aprendizaxe sobre os Dereitos Humanos.
Así, as sesións estarán orientadas a realizar actividades e a crear un diálogo sobre a relación que mantén hoxe a práctica da cooperación para o desenvolvemento, co discurso e tamén a práctica da protección internacional dos dereitos humanos.