Ir o contido principal

Os dereitos e as liberdades públicas, a debate nun curso de verán en Santiago

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago impartirá a partir do 17 de setembro o curso ‘A tutela internacional dos dereitos e liberdades públicas fundamentais’, dirixido por Ramom Lôpez-Suevos Fernández. O obxectivo fundamental das clases será o de analizar a situación de numerosos conflitos existentes na actualidade e que atentan contra os dereitos fundamentais.
A creación na década dos 90 dos Tribunais Penais Internacionais, pensados para perseguir aos responsábeis das violacións dos Dereitos Humanos, están sendo obxecto de numerosas críticas. A necesidade de manter a prisión de Guantánamo está sendo cuestionada por Barack Obama, quen anunciou o seu peche tras a súa toma de posesión como presidente dos Estados Unidos de América.
Ao longo das 20 horas lectivas deste seminario, estudarase ademais o antigo conflito entre Palestina e Israel está tamén de actualidade, xurdindo numerosos debates entre os políticos de todo o mundo e innumerábeis mobilizacións na sociedade civil de todos os países.
Sen ser o único, un dos factores deste conflito é o relixioso, polo que se incluirán neste seminario debates sobre os dereitos e as liberdades públicas vistos desde a perspectiva islámica. Ligado a isto, tamén se reflexionará sobre o universalismo ou pluriversalismo dos Dereitos Humanos.
A taxa xeral de matrícula para asistir a estas sesións que se desenvolverán na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago ata o 19 de setembro é de 70 euros. Existe un prezo reducido, de 40 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 4 de setembro), xa está aberto.
Este curso está co-organizado polo Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades. Pódese obter máis información en www.esculca.net.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2009.