O deseño e as variantes de texto, segunda conferencia do ciclo dedicado a Valle-Inclán

O deseño e as variantes de texto é o tema sobre o que disertará este venres 11 o presidente da Asociación ‘Amigos de Valle-Inclán’, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, na segunda conferencia do ciclo conmemorativo do 150 aniversario do nacemento do autor galego. A sesión comezará ás 20.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
Este mesmo ciclo continuará a próxima semana, o martes 15, coa intervención de Enrico Lodi, da Universidade de Bérgamo, coa conferencia ‘Traducir La media noche de Valle-Inclán: cuestións de estilo’. Seguiralle, xa o día 22, Jesús Rubio Jiménez, da Universidade de Zaragoza con ‘Ángel Vivanco e Ramón del Valle-Inclán: as artes do libro’ .
Os actos conmemorativos do 150 aniversario do nacemento do escritor son unha iniciativa que coordina a Cátedra Valle-Inclán da USC na que tamén se inclúen unha mostra que no Colexio de Fonseca ofrece un triplo percorrido no tempo que abrangue tanto a figura como a obra do escritor. De modo parello a estas actividades existe un importante proxecto editorial que inclúe a edición de diversos volumes con manuscritos inéditos do escritor, a súa obra completa e obras escollidas. Ademais, para favorecer o acceso ao legado Valle-Inclán o grupo de investigación e a cátedra teñen previsto poñer en aberto na rede en 2017 o Arquivo Dixital do Grupo Valle-Inclán USC, que contén todo o seu fondo documental impreso e bibliográfico, con 80.000 imaxes dixitais.