Ir o contido principal

Desenvolven unha alternativa innovadora para fabricar films biodegradables a partir da pel de peixe

Cristina Gallego nun laboratorio da Universidade de Cork, onde realizou unha estadía grazas ao programa de mobilidade de CRETUS
Cristina Gallego nun laboratorio da Universidade de Cork, onde realizou unha estadía grazas ao programa de mobilidade de CRETUS
Cristina Gallego obtivo na súa tese resultados satisfactorios co emprego de disolventes eutécticos en pel de atún
Santiago de Compostela

A conversión de residuos da industria pesqueira, en concreto a pel do atún, en xelatina funcional para a fabricación de films biodegradables é unha solución sostible que pecha o ciclo de valorización dos subprodutos mariños. Este foi o percorrido da tese da investigadora de CRETUS da USC, Cristina Gallego Rodríguez, dirixida polos docentes do Departamento de Enxeñaría Química Ana María Soto Campos e Héctor Rodríguez Martínez.

Na actualidade, a preocupación pola sustentabilidade e a economía circular impulsa a procura de novas estratexias para aproveitar os recursos mariños de forma eficiente e respectuosa co medio ambiente. Neste sentido, a valorización de subprodutos da industria pesqueira para obter compoñentes de valor engadido representa unha oportunidade para minimizar residuos e fomentar un uso responsable dos recursos. Con todo, os métodos tradicionais de extracción utilizan substancias químicas e son moi custosos en termos de enerxía, polo que se busca avanzar cara a técnicas máis limpas e sostibles como o emprego de disolventes alternativos, entre os que se atopan os eutécticos: líquidos resultantes da mestura de substancias sólidas que non poderían ser empregadas como disolventes de xeito individual.

O principal obxectivo desta tese foi optimizar o proceso de extracción de xelatina a partir da pel de atún para maximizar o rendemento e as propiedades do produto final. Para iso, empregouse unha metodoloxía baseada na utilización de disolventes eutécticos seguros e sostibles con exploración de variables como o tempo, a temperatura e a proporción de disolvente para definir as condicións óptimas do proceso. Atopouse que o esquema de proceso máis axeitado para conseguir unha xelatina de alta calidade era o consistente nunha primeira etapa de maceración da pel no disolvente eutéctico (constituído por urea e acetato de sodio trihidratado) a baixa temperatura, seguida dunha etapa simple de extracción con auga morna. Ademais, durante a súa estadía na School of Food & Nutritional Sciences da University College Cork (Irlanda) cursada grazas ao programa de mobilidade de CRETUS, Cristina puido avaliar a aplicabilidade da xelatina obtida na fabricación de filmes bio-baseados, coa idea de ofrecer unha alternativa aos plásticos convencionais.

Os resultados demostraron a posibilidade de obter xelatina apta para a elaboración de filmes biodegradables, cun importante potencial de aplicación en sectores como o da industria alimentaria, o que supón unha solución innovadora e sostible para a industria dos materiais.

Esta tese non só amplía as alternativas para o aproveitamento sostible dos recursos mariños, senón que tamén pon de manifesto a viabilidade dunha tecnoloxía accesible e adaptable a distintas escalas de produción. Trátase dunha proposta que encaixa plenamente nos principios da economía circular e que pode ter un impacto significativo en rexións con alto volume de subprodutos pesqueiros como Galicia.

O traballo ‘Valorización da pel de peixe empregando disolventes eutécticos’ desenvolveuse no marco do proxecto ILFISH, enfocado na valorización de residuos da industria pesqueira, dentro do Grupo de Procesos de Separación Sostibles da USC. Os principais resultados foron publicados en Food Hydrocolloids, revista de grande impacto internacional especializada en materiais biolóxicos e hidrocoloides. O tribunal que acordou por unanimidade a cualificación de sobresaliente cum laude presidiuno Robin D. Rogers, da University of Alabama (Estados Unidos), que estivo acompañado polo profesor da USC Daniel José Franco Ruiz e pola profesora Sagrario Beltrán Calvo, da Universidade de Burgos. 
 

Cristina Gallego, co tribunal e dirección da súa tese de doutoramento. Foto. CRETUS
Cristina Gallego, co tribunal e dirección da súa tese de doutoramento. Foto. CRETUS
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2025.