Ir o contido principal

Desenvólvese en Filoloxía o cuarto coloquio sobre lexicografía do consorcio EMLex

De dereita a esquerda, a decana María José López Couso, o vicerreitor Roberto López e a profesora María José Domínguez
De dereita a esquerda, a decana María José López Couso, o vicerreitor Roberto López e a profesora María José Domínguez
Traballan na creación dun espazo de intercambio entre as humanidades dixitais e a empresa

A Facultade compostelá de Filoloxía acolle este xoves a cuarta edición do EMLex Colloquium on Lexicography , enmarcado nunha serie de encontros anuais promovidos polo EMLex Consortium, entidade responsable do Erasmus Mundus European Master in Lexicography que imparte a USC xuntamente con diversas universidades e centros de investigación de Alemaña, Francia, Polonia, Hungría, Portugal e Sudáfrica.

O coloquio de Santiago está organizado por un comité integrado por docentes do devandito máster, presidido por María José Domínguez Vázquez, representante da USC no EMLex Consortium, coa colaboración de Carlos Valcárcel Riveiro, da Universidade de Vigo.

Nesta edición o coloquio, que leva por título ‘Lexicography, teaching experience and professional practice. Building bridges between lexicography and industry’, centra a súa atención na necesidade de crear un espazo de intercambio entre o mundo académico que traballa no campo das humanidades dixitais e o da empresa. O obxectivo é favorecer que estes dous sectores colaboren para dar resposta ás necesidades dunha sociedade globalizada, multilingüe e dixital.

O coloquio desenvólvese ao longo de todo o día; pola mañá, con presentacións centradas no ensino e aprendizaxe da lexicografía así como na empregabilidade dos lexicógrafos e, pola tarde, cunha sección (‘Talk with us!’) na que editoriais, grupos de investigación, institucións e empresas presentan algúns dos recursos e proxectos en que están traballando. A xornada remata coa mesa redonda ‘Construíndo pontes entre a lexicografía e a industria’ con participación de representantes do mundo académico, da esfera institucional e do ámbito da empresa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2017.