Ir o contido principal

Destacados especialistas en literatura, arte e historia participan no congreso internacional 'In marsupiis peregrinorum. Circulación de textos e imaxes arredor do Camiño de Santiago'

Celebrarase na Facultade de Filoloxía da USC entre o vindeiro luns 24 e o venres 28

A profesora Esther Corral Díaz, acompañado dos investigadores Miguel Pousada, Rodrigo Vizcaino e Antonio Domínguez, presentaron este martes 18 en rolda de prensa o programa do congreso internacional ‘In marsupiis peregrinorum. Circulación de textos e imaxes arredor do Camiño de Santiago’ que se vai celebrar na Facultade de Filoloxía da USC entre os días 24 e 28 de marzo.
Este encontro, que inclúe o Congreso de Novos Investigadores na Idade Media, representa a sétima edición do congreso internacional do Programa de Doutoramento Europeo en Filoloxía Románica que a USC mantén coas universidades de Milano, Zúrich, Paris IV-Sorbonne, Pavia e Siena. Nesta ocasión, estará dedicado á memoria do profesor Manuel Cecilio Díaz y Díaz, recentemente falecido e que ía ditar a conferencia inaugural. Nas distintas xornadas previstas participarán especialistas en historia, arte e literatura, así como na lingua e no imaxinario que se construíu arredor do Camiño de Santiago durante a Idade Media.
Co título do congreso, as organizadoras quixeron aludir explicitamente ás funcións que o camiño asumía no nacemento e configuración das linguas e literaturas vulgares hispánicas, xa que os peregrinos no seu tránsito de oriente cara a occidente convertéronse en difusores de libros, textos e cancións. Estes materiais foron unha fonte destacada na conformación do acervo lingüístico, literario e cultural do noroeste peninsular.
O programa do congreso discorrerá ao longo de dúas partes diferenciadas. O primeiro bloque, cunha duración de tres días, confórmano unha serie de relatorios nos que especialistas internacionais abordarán os temas obxecto de estudo dende diferentes perspectivas. A segunda parte, de dous días, orientarase aos doutorandos que desexen participar activamente coa presentación de comunicacións e a intervención en mesas redondas, apoiados por estudosos expertos que abrirán ou pecharán cada xornada.
Con este conxunto de actividades búscase fomentar o intercambio de experiencias entre especialistas de diferentes ámbitos e fomentar a convivencia entre investigadores expertos nos campos da historia, a arte, a lingua, a literatura e a cultura na súa relación co Camiño de Santiago e novos investigadores que inician a súa actividade nestes campos de estudo.
O congreso está dirixido a profesores, investigadores, alumnos e doutorandos de titulacións pertencentes ao ámbito das Humanidades, así como a profesores de ensino secundario interesados na cultura da Idade Media e a doutorandos europeos inscritos no Programa de Doutoramento en Filoloxía Románica.
Luns 24A inauguración oficial do encontro celebrarase o vindeiro luns 24 ás 10:00 horas. Deseguido, o profesor da USC José M. Díaz de Bustamante pronunciará a conferencia inaugural do congreso ‘A circulación de textos ao redor do Camiño de Santiago’, en substitución de Manuel C. Díaz y Díaz. Seguiralle o profesor Fernando López Alsina coa intervención ‘De Xerusalén a Xerusalén: o culto de Santiago entre Oriente e Occidente nos séculos XI-XII’. Completando a sesión matinal, a profesora da Università degli Studi do Milano, María Luisa Meneghetti, intervirá coa conferencia ‘Dal marsupium al claustrum: qualche riflessione sulla Nota Emilianense’.
O programa da tarde principiará ás 16:30 horas coa presenza da profesora da Università degli Studi di Roma Tre, Giulia Lanciani para falar sobre ‘Alla ricerca dei trovatori perduti, perduti?’. A continuación, o profesor Rossi pronunciará a conferencia ‘Le troubadour Cercamon et Saint-Jacques’. A última parte deste primeiro día reservarase para a presentación de comunicacións, comezando ás 19:00 horas co investigador Ricardo Gutiérrez Pichel para falar sobre ‘A peregrinaxe das versións galegas do ciclo clásico na Idade Media’, e seguindo con Mercedes López-Mayán coa comunicación ‘Os libros litúrxicos na Catedral de Santiago (ss. XI-XV): análise da súa circulación e vicisitudes’ e con Petrossi cunha intervención titulada ‘Occursus itineris in loco sancto’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2008.