Os máis destacados investigadores do mundo no eido da literatura e cultura do Século de Ouro reúnense a vindeira semana en Compostela
Máis de 300 congresistas de catro continentes reuniranse en Santiago a vindeira semana para asistir ao VIII Congreso da Asociación Internacional Siglo de Oro (AISO) ‘Compostella Aurea’, que organizan conxuntamente a USC e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (CEEC), adscrita ao Ministerio de Cultura.
O encontro, que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía entre o 7 e o 11 de xullo, conta ademais coa colaboración do Ministerio de Educación y Ciencia, a Xunta de Galicia e o Consorcio de Santiago de Compostela.
O congreso presentárono en rolda de prensa os coordinadores do encontro, os profesores da USC Antonio Azaustre Galiana e Santiago Fernández Mosquera, quen destacaron a magnitude do evento, de carácter internacional, e a diversa procedencia dos seus participantes, “dando unha cabida especial nesta ocasión aos hispanismos emerxentes de zonas como o Medio Oriente ou África, con maiores dificultades para o estudo da literatura e cultura españolas”, explicaron.
Tamén o número de asistentes foi resaltado polos profesores da USC, o que dá mostra non só da “vitalidade e interese actual do hispanismo” senón tamén da capacidade da USC para captar encontros científicos, contando para iso co “inestimable apoio” da Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales. Proba disto é que na anterior convocatoria, hai tres anos na Universidade de Cambridge, o número de participantes non chegou á metade deste.
O congresoA sesión inaugural terá lugar no Colexio de Fonseca o luns 7 ás 10:00 horas nun acto ao que asistirán o reitor da USC, Senén Barro; a conselleira de Eucación, Laura Sánchez Piñón; o vicerreitor de Cultura; Elias Torres; e Carlota Álvarez-Basso en representación da Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales.
Nesa mesma mañá inaugurarase no segundo andar do edificio unha exposición de libros de emblemas que posúe a Biblioteca da USC, grandes tesouros bibliográficos dos séculos XVI e XVII todos eles que enriquecen o patrimonio da Universidade.
Conferencias plenarias e sesións paralelas sobre poesía, teatro, prosa e autores coñecidos e non tan coñecidos abarcarán as sesións dos cinco días do encontro, no que ademais se celebrarán mesas de investigadores nas que se presentarán os últimos estudos relacionados coas humanidades, novas tecnoloxías, teatro e poesía.
As sesións académicas en Filoloxía veranse acompañadas da mencionada exposición de libros de emblemas, un concerto do grupo Nordestinas patrocinado pola Vicerreitoría de Cultura e outras actividades sociais.
AISOAISO é unha das máis prestixiosas asociacións internacionais do hispanismo que agrupa aos máis destacados investigadores do mundo no eido da literatura e cultura do Século de Ouro. A este oitavo congreso asistirán hispanistas de Canadá, EEUU, México, Arxentina, Chile, Brasil, China, Xapón, India, Irán, Corea, Suecia, Alemania, UK, Italia, Francia, Bulgaria e Senegal.
Na actualidade, AISO está presidida polo catedrático da Universidade de Cambrigde, Anthony Close. Son vicepresidentas as profesoras Melchora Romanos, do Instituo Amado Alonso da Universidade de Bos Aires, e Lía Schwartz, do CUNY de Nova York. Os restantes membros da xunta directiva actual reflicten a súa variada configuración.
As liñas de investigación da Universidade de Santiago de Compostela son internacionalmente recoñecidas nos estudos sobre o Século de Ouro. Neste campo, conta con dous importantes grupos dedicados ao estudo da obra literaria de Calderón e Quevedo, ademais doutros investigadores nomeados en diversos autores desa época.