Desvelan detalles dun proceso esencial nas bacterias causantes de tuberculose e cancro de estómago

Unha investigación desenvolvida polo grupo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materias Moleculares (CIQUS) coordinado pola profesora da USC Concepción González-Bello, e no que tamén participou o profesor da Universidade de Alcalá Federico Gago, permitiu coñecer un residuo de aminoácido, ata o momento descoñecido, que desencadea unha reacción catalizada por unha enzima que é vital para as bacterias causantes da tuberculose (Mycobacterium tuberculosis) e do cancro de estómago (Helicobacter pylori).
Os resultados desta investigación, que vén de ser publicada na prestixiosa revista científica Biochemical Journal son froito de numerosos estudos bioquímicos e computacionais feitos polos investigadores que participaron neste traballo, que permitiu desvelar todos os detalles sobre proceso a través do que este residuo ata o momento descoñecido desencadea a reacción catalizada pola enzima deshidroquinasa tipo II, unha enzima que non está presente nos humanos, segundo salientan os investigadores. O coñecemento desta información é moi valioso e pode resultar de grande utilidade para o posterior desenvolvemento racional de novos antibióticos que permitan a doentes superar enfermidades infecciosas como a tuberculose ou o cancro de estómago, dúas patoloxías que xa supoñen un elevado custe humano e económico na sociedade actual, precisan os investigadores. O achado científico descuberto polo equipo de investigación do CIQUS da USC dirixido pola profesora Concepción González-Bello é o resultado dunha estratexia de traballo mantida durante anos por este grupo de investigadores, que incluso chegaron a desenvolver e patentar potentes compostos capaces de matar de fame á bacteria responsable da tuberculose e do cancro de estómago, ao bloquear os seus procesos vitais.