Ir o contido principal

O determinante papel das mulleres na política española

A xornada ‘Mulleres na política. Construíndo a democracia. O papel das mulleres na lexislatura constituínte de 1977’ desenvolveuse en Políticas (Foto: SERVIMAV-USC)
A xornada ‘Mulleres na política. Construíndo a democracia. O papel das mulleres na lexislatura constituínte de 1977’ desenvolveuse en Políticas (Foto: SERVIMAV-USC)
Unha xornada en Ciencias Políticas puxo de relevancia o protagonismo das mulleres na construción da democracia

Na lexislatura constituínte de 1977, 27 mulleres foron protagonistas do cambio político cara á democracia en España dende os seus cargos electos no Congreso e no Senado. Unha delas, Nona Inés Vilariño Salgado, deputada na primeira lexislatura como independente na lista de UCD pola Coruña, participou este mércores nunha xornada aberta na que se inscribiron máis dun cento de persoas interesadas en reflexionar sobre o papel que xogaron as mulleres na construción do período democrático. Nona Inés Vilariño é unha das mulleres que aparece no documental Las Constituyentes de Oliva Acosta que hoxe se proxectou no salón de graos da Facultade de Ciencias Políticas. Mulleres que accederon ao Congreso e Senado español tras o período franquista, nas eleccións democráticas do 15 de xuño de 1977, e que participaron na elaboración da Constitución española de 1978, defendendo activamente a igualdade de dereitos entre homes e mulleres. A través da súa experiencia persoal e das demais pioneiras desa época no documental nárrase unha parte apaixonante da historia da participación política das mulleres en España e analízase a situación actual nun intenso encontro entre deputadas e políticas actuais con algunhas das constituíntes. Un traballo audiovisual inédito que desborda actualidade. A xornada ‘Mulleres na política. Construíndo a democracia. O papel das mulleres na lexislatura constituínte de 1977’ contou ademais coa participación da adxunta á Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, María del Carmen Segura Iglesias, e a profesora de Ciencias Políticas Isabel Diz Otero. Nona Inés Vilariño, segunda pola dereita, explicou a súa experiencia nesa primeira lexislatura (Foto: SERVIMAV-USC) Na xornada inscribíronse máis dun cento de persoas interesadas (Foto: SERVIMAV-USC)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2015.