Dezanove artistas volven á Igrexa Universitaria con Procesalia 2013, unha orixinal proposta de arte contemporánea

En 2001 a USC puxo en marcha un orixinal proxecto cultural no que novos e novas artistas expoñían no coro da Igrexa Universitaria unha serie de instalacións realizadas ex profeso para ese espazo. Unha década máis tarde faise unha relectura deses artistas e das súas obras de maneira que o resultado é unha mostra de arte contemporánea conformada por pezas realizadas para o peculiar espazo que é, nesta ocasión, a totalidade da Igrexa. 19 artistas en Procesalia 2013 Nesta nova edición, comisariada por Monse Cea e producida pola USC coa colaboración dos museos MARCO e Verbum de Vigo, reúnense Ana de Matos, Antón Caamaño, Carlos Sena Caires e Jorge Cardoso (VOID), Rosa Sánchez e Alain Bahuman (Kónic), Kai Takeda, Isaac Cordal, Paula Mariño, Xoan Anleo, Xoán Brión, Eduardo Valiña, Manuel de la Rosa, Carme Nogueira, Monse Rego, Carme Nogueira, Marta Prieto e Nilo Arias. 19 creadores do ámbito galego, estatal e internacional de recoñecido prestixio que adaptaron os seus discursos persoais e liñas de investigación plástica a este proxecto. Video-creacións, creacións multimedia de arte interactiva, fotografía, performances documentadas en vídeo, escultura en proceso e pezas de son conviven con debuxos e instalacións varias. Procesalia 2013 inaugúrase este xoves 28 ás 20:15 horas na Igrexa. Para os medios de comunicación está convocada unha rolda de prensa ás 11.30 horas na que intervirán o vicerreitor de Cultura da USC, Francisco Durán, e a comisaria Monse Cea, que estarán acompañados polos artistas Marta Prieto, Ana de Mato e Xoán Anleo.