Dezanove cursos na Universidade de Verán da USC na provincia de Lugo
Sete vilas luguesas, ademais do propio Campus de Lugo, serán sede dalgún dos dezanove cursos de verán que a Universidade de Santiago organizará entre os meses de xullo e setembro deste ano. A programación da Universidade de Verán da USC, a máis ampla na historia desta institución, presentárona na Vicerreitoría de Coordinación o vicerreitor Carlos Herrero e a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo.
A nova denominación, ‘Universidade de Verán’, implica unha reorientación cualitativa da programación que se caracteriza por unha importante descentralización xeográfica, coa existencia de dous campus de verán e outras numerosas sedes no territorio da provincia de Lugo xunto coa oferta propia do Campus. Así, serán seis en Lugo; catro en Sarria; tres en Guitiriz; dous en Ribadeo, os mesmos que en Seoane do Courel; e, finalmente, un en Burela, Foz e Mondoñedo.
Pero non só se amplían as sedes dos cursos, tamén a propia oferta é maior este ano e introducíronse novas modalidades, xunto ás de máis de 30 horas existen outras posibilidades en duración e formato. Ademais, estendeuse o calendario ao mes de setembro.
Campus de LugoOs fundamentos de proxectos industriais, a seguridade alimentaria, a xestión de actividades deportivas, a planificación estratéxica territorial aplicada á análise provincial e dereito e saúde son os cursos de verán a desenvolver entre xullo e setembro en Lugo “todos eles ligados ao benestar social, porque contribúen á formación de usuarios para facer a vida do cidadán máis saudable”, explicou Elvira Fidalgo.
Campus de VeránCarlos Herrero destacou a colaboración coa USC dos concellos que acollen os cursos de verán, “cos que temos unha relación estreita desde hai moitas edicións, como é o caso de Sarria”. Este ano, engadiu, “incorpóranse outros concellos como o de Guitiriz”.
No Campus de Verán de Sarria trataranse cuestións como o desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia, educación emocional e comunicación non violenta na sociedade da información, patrimonio natural e desenvolvemento rural no entorno das serras orientais do Camiño de Santiago en Galicia e paisaxe e comunicación no Camiño de Santiago.
No de Guitiriz impartiranse tres sobre cultura e paisaxe, xestión das augas residuais no ámbito rural e comunicación e deporte.
A paisaxe no Courel, a agroecoloxía, a inmigración e o desenvolvemento local, a infancia e escola na Historia do Cine ou espazos naturais protexidos nun mundo en cambio serán as temáticas do resto dos cursos da Universidade de verán da USC 2009.