Dezanove investigadores da USC participan desde o luns en Lugo e Santiago no evento ‘Pint of Science’

Dezanove investigadores e investigadoras da USC participarán entre o 9 e o 11 de maio como relatores nos eventos programados en Lugo e Compostela ao abeiro da sétima edición do festival de divulgación científica ‘Pint of Science’, un certame internacional que se celebra en 25 países coa idea de ‘trasladar’ os laboratorios de I+D+i aos locais de hostalería e que no caso de España permitirá a 372 homes e mulleres divulgar as súas respectivas liñas de investigación en 62 bares e establecementos de lecer de toda a xeografía nacional.
A comunidade investigadora implicada nesta iniciativa de divulgación científica aproveitará as distintas sesións programadas para tratar temas de actualidade científica cunha linguaxe accesible para o todo o público, que tamén atopará nestes encontros unha boa oportunidade para facer preguntas e trasladar consultas a algúns dos científicos máis relevantes do panorama nacional. Todas as charlas, monólogos, experimentos e demais sesións organizadas no marco do certame Pint of Science (Pinta de Ciencia) son de acceso libre e de balde para as persoas interesadas.
O programa de actividades organizadas en Compostela ao abeiro da sétima edición do Pint of Science desenvolveranse os días 9, 10 e 11 de maio, a partir das 18.00 horas, na Nave de Vidán. Diana Guallar, Andrés Seoane, Iria Gómez e Sergio Velasco abrirán o luns a quenda de presentacións con catro relatorios levan por título ‘Epitranscriptómica: un conto de alquimia, polbos e ARN’, ‘Coches, cervexas, vagalumes e outros usos da catálise’, ‘Anécdotas inmunolóxicas: vacinas, motíns e outras historias’ e ‘Quen é a Célula de Shwann.
A investigadora Rebeca García abrirá o programa do martes co relatorio ‘Diario de Neo: Como simular un humano en Matrix’, ao que seguirá o monólogo científico ‘Xenética de andar pola casa’, a cargo de Alejandro Sánchez. Aroa Ferrer aclarará neste evento as dúbidas xurdidas á hora de decantarse entre ‘Paracetamol ou ibuprofeno?’, mentres que José Tubío falará sobre cancros contaxiosos. Jorge Mira pechará a sesión co relato ‘Descifrando as leis do comportamento humano’.
A sétima edición do certame Pint of Sciencie chegará o mércores 11 ao seu colofón en Santiago coas charlas ‘Competindo co planeta Terra: Quen o fará mellor?, da man de Marta Castiñeira. O investigador Ricardo Villa achegará ao público ao síndrome de Hutchinson-Gilford coa charla ‘Progeria: ter un fillo ancián’. A inmunoloxía en tempos de pandemia e negacionismo centrará a intervención de André Pérez, mentres que Rosa Crujeiras será a encargada de pechar a sesión coa charla ‘Mentiras, malditas mentiras e estatísticas’.
Programa en Lugo
O bar A Carballeira, localizado na Avenida de Magoi, e o Club Clavicémbalo, sito na Rúa Paxariños, serán o luns e o mércores, respectivamente, escenario das dúas sesións de divulgación científica programadas en Lugo no marco do certame Pint of Science, en cuxa organización participan de xeito activo integrantes da asociación Agromar, que integra a mocidade investigadora do Campus de Lugo.
O docente e investigador na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC César Pérez Cruzado abrirá o luns, ás 18.00 horas, o programa de relatorios coa charla ‘Bosques e mercados de carbono’. De seguido, Agustín Merino tratará as bases científicas para a protección dos solos. ‘Superbacterias: do filete, ao raposo e á diarrea’ é o título da charla que ofrecerá Azucena Mora Gutiérrez, á que sucederá na quenda de palabra a tamén docente na Facultade de Veterinaria da USC Marta López Alonso cunha charla explicativa do proxecto Minerais contra o cancro.
A agricultura e as plantas centrarán o mércores 11 a temática dos relatorios que se desenvolverán a partir das 21.00 horas no Club Clavicémbalo. O docente e investigador da EPS de Enxeñaría José Luis Fernández Lorenzo, abrirá a quenda e intervencións coa charla ‘Plantas por un tubo’, á que seguirá o relatorio ‘Agricultura intensiva e agricultura sostible: agroecoloxía’, a cargo da catedrática Rosa Mosquera Losada.