Ir o contido principal

Dezaseis pequenas aplicacións para Gnome, obxectivo do II Fiadeiro de localización de software libre

O II ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de software libre proponse nesta ocasión como obxectivo verter ao galego dezaseis pequenas aplicacións de Gnome e Ubuntu, todas elas de entre 100 e 200 cadeas que poderán utilizarse, por exemplo, nas distribucións de Ubuntu-USC, a localización específica desta plataforma libre para a Universidade de Santiago en lingua galega. O prazo de matrícula está aberto ata o 30 de marzo.
Entre as aplicacións atópanse un conversor multimedia (Gnac), un cliente de Twitter (Pino), un centro multimedia que permite ter cinema na casa (Entertainer), un analizador e manipulador de vídeos (Longomatch), para facer retoques de fotografía dixital (Niepce) e unha ferramenta para xestionar datos bibliográficos (Pybliographer).
As persoas asistentes a esta segunda edición do Fiadeiro aprenderán os procedementos de localización de software e a utilización de ferramentas específicas nas sesións dos días 15 e 22 de abril; mentres que o venres 30 dese mes aplicarán o aprendido. Farano por parellas, a cada unha das cales se lle encomendará unha aplicación contando co asesoramento dos profesores do Fiadeiro Antón Méixome, Enrique Estévez e Francisco Diéguez, estes últimos técnicos da Oficina de Software Libre.
Os participantes verán recoñecido o seu traballo e a adquisición de novas habilidades lingüísticas e informáticas cun crédito de libre configuración, un diploma de asistencia de 15 horas e outro recoñecendo a autoría da localización encomendada. Ademais, optan ao premio ‘Máis e mellor’, que se lle concederá a aquela parella que traduza máis cadeas e con meirande calidade na sesión de localización, dotado en metálico con 0,80 € por palabra única traducida correcta.
O II Fiadeiro de localización de SL é unha actividade da Comisión de Normalización Lingüística da ETSE, organizada conxuntamente co Servizo de Normalización Lingüística e a Oficina de Software Libre da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.03.2010.