O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a figura de Fernando Calvet i Prats, “un absoluto transformador da Universidade”

“Foi un absoluto transformador da Universidade”. Con estas verbas o reitor Antonio López Díaz referiuse ao que fora profesor da USC, o químico Fernando Calvet i Prats, figura central do acto co que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) conmemorou este mércores 8, no Colexio de Fonseca, o Día da Ciencia en Galicia. Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, Barcelona, 1903 - Barcelona, 1988) foi o introdutor da bioquímica moderna en España, modernizador da química orgánica en Galicia, iniciador da investigación química na USC nos anos 30 do pasado século e pioneiro na aplicación da química á industria. “Fernando Calvet i Prats foi quen de identificar as carencias substanciais que tiña a Universidade no seu momento”, continuou o reitor, para despois impulsar transformacións que foron cruciais no seu tempo.
Manuel Freire Rama, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela e académico da RAGC, foi o encargado de profundar na traxectoria do homenaxeado a través do relatorio ‘Unha semblanza da actividade científica de Fernando Calvet’. Ademais, no transcurso do acto proxectouse un vídeo sobre a traxectoria e os logros do científico. A sesión contou coa participación do presidente da RAGC e profesor da USC, Juan Lema; dos reitores da UDC e da UVigo, Ricardo Cao e Manuel Reigosa; e da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; así como coa asistencia da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García e representantes de diversas institucións políticas, educativas, científicas, culturais e de investigación galegas.
Traxectoria
En 1929, con apenas 26 anos, Fernando Calvet i Prats gañou a cátedra de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da USC. Pouco despois recibiu unha bolsa da Fundación Rockefeller para traballar en Múnic sobre a química dos alcaloides, baixo a dirección do premio nobel Heinrich Wieland. De volta en Santiago, en 1930, montou un laboratorio para prácticas de Química Orgánica e outro destinado a traballos de investigación, creando un grupo moderno, equiparable aos mellores do Estado e pioneiro nas ciencias galegas.
A partir de 1934 a orientación dos seus traballos comezou a mudar cara á aplicación da química orgánica nos sectores económicos do país como a pesca ou a industria farmacéutica. Así, incorporouse como director científico ao Instituto Bioquímico Miguel Servet, fundado en Vigo. En 1935 solicitou unha pensión para traballar en Estocolmo xunto ao premio nobel Von Euler, un dos pais da bioquímica europea.
O comezo da Guerra Civil sorprendeuno en Vigo, onde tivo coñecemento da súa destitución como catedrático. Para evitar represións, e como dispoñía dunha bolsa para continuar estudos en Estocolmo, volveu alí en setembro do 36. Rematada a bolsa, consegue un contrato como profesor de prácticas na facultade de Medicina de Edimburgo. En 1938 negocia coas autoridades franquistas no exterior a súa volta coa promesa de que non habería represalias, pero nada máis entrar en España foi preso no cárcere de Tui.
Ao saír da prisión reiniciou os seus traballos nos laboratorios Miguel Servet, que aos poucos meses se integrarían nos laboratorios Zeltia do Porriño. Nesta nova etapa, baixo a dirección de Calvet, Zeltia patentou en pouco máis dun ano máis de dez especialidades farmacéuticas e elaboráronse fármacos hepáticos, insulinas, ou vitaminas, entre outros.
Tería que agardar a 1944 para que se resolvese a súa situación de apartamento da docencia. Logo de pasar polas universidades de Salamanca e Oviedo, incorporouse á de Barcelona, onde creou un importante grupo de investigación e colaborou como asesor científico-técnico en varias empresas farmacéuticas. Neses anos tamén traballou no Brooklyn Polytechnic Institute de Nova York e na Universidade de Nova York, onde estudou o metabolismo das células hepáticas.
