Último día para inscribirse na proba de nivel dos cursos do Centro de Linguas Modernas
O Centro de Linguas Modernas mantén aberto ata este martes 17 o prazo para inscribirse (por internet) na proba de nivel nos cursos regulares anuais e nos do primeiro cuadrimestre de linguas estranxeiras e lingua de signos. Este exame será o mércores 18 en diversas aulas de todo o campus compostelán. A proba non se realiza para os cursos de iniciación nin para as persoas niveladas polo CLM ou pola EOI en dous cursos anteriores. O ex alumnado do CLM en 2012-2013 pode matricularse directamente en liña dende a web do CLM no curso inmediatamente superior ao aprobado. Os demais deben enviar ao enderezo clm [at] usc.es (clm[at]usc[dot]es) unha solicitude con seu DNI escaneado (no último caso poderán facelo presencialmente nas oficinas) A oferta de linguas do CLM da USC inclúe ao longo do curso académico 2013-2014 máis de catro mil prazas para o alemán, árabe, checo, chinés, danés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, xaponés e lingua de signos. A programación compleméntase con galego para non galegofalantes, castelán e catalán organizados na USC para os alumnos internacionais. A matrícula remata o 24 de setembro.